O segredo mellor gardado do Entroido pontevedrés foi desvelado. Ravachol únese á loita feminista e, nesta ocasión, súmase en corpo e alma á mobilización do 8 de marzo reclamando unha sociedade máis igualitaria.
Ataviado cunha túnica morada e cun lazo violeta, que simboliza a loita pola igualdade e contra a violencia machista, o loro máis famoso de Galicia resístese a desaparecer da vida social da Boa Vila e mantén o seu espírito pícaro, burlón e irreverente.
Así, acompañado do cartel da campaña municipal do 8M -deseñado polo debuxante Luís Davila-, Ravachol mostra este ano a súa cara máis reivindicativa.
Mentres os integrantes da Asociación Recreativa de Xeve, como todos os anos, vestían as coloridas plumas dun espido Ravachol, María Simal explicaba o motivo do disfrace co que será incinerado o vindeiro sábado 9 de marzo.
Ravachol, segundo os seus acompañantes, vén sumarse ao rexeitamento de toda a sociedade contra a lacra da violencia machista, a reclamar o dereito de todas as mulleres a decidir sobre o seu corpo e a combater pola igualdade, pola conciliación laboral e pola desaparición das fronteiras entre homes e mulleres.
"Nin unha menos, querémonos vivas", é o berro ao que se suma noso querido Ravachol.
O loro chega, iso si, crítico pero tamén alegre por volver estar un ano máis rodeado dos seus, especialmente de todos aqueles que non quixeron perderse a súa chegada á cidade e que, como marca a tradición, desde as sete da tarde reuníronse na Praza da Peregrina.
Este personaxe que falecía un luns de Entroido, o 27 de xaneiro de 1913, presidirá ao longo da semana os principais actos destas festas de Entroido na cidade como as semifinais e a final do concurso de murgas no Pazo da Cultura, que se inicia este luns.