Un regatista denuncia que non o deixan participar co barco denominado 'No a Celulosas' no Premio Deputación

Pontevedra
18 de xaneiro 2015

O regatista, Juan Carlos Pérez, sinala que nunca atopara problemas para participar en regatas con este nome que utiliza por convicción persoal. A organización entende que o nome vai en contra da boa imaxe da Regata

Embarcación 'No a Celulosas' de Juan Carlos Pérez
Embarcación 'No a Celulosas' de Juan Carlos Pérez

Juan Carlos Pérez é un regatista pontevedrés que utiliza un reivindicativo nome para a súa embarcación: 'No a Celulosas'. Ata o momento, asegura que nunca tivera problemas para inscribirse en diferentes probas e mesmo gañar un par delas nos últimos meses. O seu obxectivo centrábase agora en participar na próximaRegata Interclubs Ría de Pontevedra - Premio Deputación de Pontevedra, á que se presentaba como máximo favorito.

Non obstante, viuse sorprendido ante a carta que recibiu polo Comité Organizador, que regula Desmarque S.L., na que lle indican que "independentemente de que a Federación che conceda ou non permiso para levar así esa publicidade, de acordo co posto no Anuncio de Regata no seu punto 7 de publicidade e en inscricións, non se admitiría a túa inscrición co nome de 'No a Celulosas' ".

No punto 7 das bases indícase que o Comité Organizador poderá rexeitar calquera inscrición dun barco cuxo nome ou publicidade vaia "en contra dos intereses propios da organización e bo nome desta regata segundo o seu propio entender, non admitíndose reclamacións ao respecto".

Juan Carlos Pérez móstrase indignado con esta resposta e entende que esta decisión é política e afirma que se debe a que "o PP, a través da Deputación, está claramente posicionado a favor da continuidade de Celulosas". Pérez considera que se intenta evitar a posible imaxe na que un representante político teña que entregar un trofeo a unha embarcación denominada 'No a Celulosas'.

O regatista indica que no seu barco viaxan oito ou nove tripulantes e que sempre pagou á Federación a cota anual para levar publicidade. Engade que 'No a Celulosas' non é ningunha marca nin sociedade.

O deportista afectado por esta comunicación aínda está a estudar a posibilidade de presentar unha alegación pero indica que lle resulta sorprendente que a primeira regata organizada polos seis clubs da ría de Pontevedra e financiada pola Deputación Provincial presente este obstáculo á súa participación. Está previsto que a proba comece o 24 de xaneiro coa primeira etapa organizada polo Ro Yachts Club Combarro.

Juan Carlos Pérez asegura que tampouco forma parte de ningunha asociación e que bautizou o barco con ese nome por convicción propia.