O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, ven de remitir unha carta á Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do Colexio de Marcón ao respecto do desgüace ilegal ubicado en Vilafranca, na que explica que os propietarios interpuxeron un recurso contencioso-administrativo que supón novas dilacións no procedemento de execución forzosa da orde de demolición.
Jacobo Hortas asegura que é "consciente da preocupación xerada" na comunidade educativa de Marcón por estas instalacións e trasládalles que a APLU, dependente da Xunta de Galicia, "está a proceder ao cumprimento dunha orde de demolición de nave industrial e obras auxiliares ditada xa no ano 2006 e que tivo, e segue a ter, un longo percorrido xudicial".
O director da APLU explica que a orde de demolición dirixiuse fronte á persoa xurídica que consta como propietaria e promotora das obras, que é a obrigada á reposición da legalidade urbanística infrinxida. "É dicir, non é a Administración, neste caso a APLU, quen ten en primeiro termo a obriga de proceder a reposición da legalidade, senón o promotor e titular dos terreos", incide Hortas.
A mencionada resolución de 2006 foi declarada firme en vía administrativa pola Xunta de Galicia en 2008, e posteriormente foi recorrida tanto no Xulgado do Contencioso-Administrativo, no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e tamén no Tribunal Supremo, alcanzando plena firmeza en 2013.
A APLU tratou desde entón en "dobregar a vontade da propiedade" no incumprimento da orde de demolición, impoñéndolle diversas multas coercitivas, "que non alcanzaron o efecto esperado", admite Jacobo Hortas.
Por este motivo, en decembro de 2020 a APLU puido iniciar un procedemento de execución forzosa subsidiaria da orde de demolición incumprida, que lle permite executar de forma directa a resolución de reposición da legalidade urbanística, anticipando medios e recursos económicos propios, para logo viralos á propiedade.
Neste senso, nos anos 2021 e 2022 a APLU está a elaborar un proxecto de demolición e quere proceder, o máis axiña posible, á contratación pública e licitación das obras para repoñer a legalidade urbanística infrinxida, ao abeiro da lexislación sobre contratación do Sector Público.
"Sen embargo, a propiedade interpuxo un novo recurso contencioso-administrativo fronte a estas últimas actuacións", indica o director da Axencia. "Estas garantías de defensa da propiedade implican necesariamente dilacións no procedemento de execución forzosa da orde de demolición e reposición dos terreos", conclúe.