O pleno de marzo do Concello de Poio inclúe, entre outros puntos, un recoñecemento extraxudicial de crédito que permitirá abonar as catro facturas que se emitiron para realizar o muro do Xuviño, unha actuación que se fixo antes das eleccións municipais do ano pasado e que se deixou sen pagar e sen consignación nos orzamentos.
Deste xeito, as catro facturas que se inclúen nese recoñecemento corresponden a un fraccionamento de contrato que, en total, ascende a 62.401,52 euros. Así, hai dúas facturas para movemento de terras da marxe esquerda do muro do Xuviño, que ascenden a 11.585,75 euros e 12.813,90 euros, respectivamente; unha terceira, de 17.242,50 euros para formación do muro na marxe esquerda; e, unha última, por importe de 20.759,37 euros para o lado dereito.
Segundo explican desde o Goberno, "esta obra foi feita sen consignación nos orzamentos, con moitas présas e, ademais, sen cartos para poder pagalas".
TRABALLADORES DO CONCELLO XUBILADOS EN 2023
Por outra banda, o alcalde, Ángel Moldes recoñeceu este luns a "gran labor e implicación " dos catro traballadores do Concello de Poio que se xubilaron no ano 2023.
Así, fixo entrega dun agasallo e do pin do concello, "como xesto de recoñecemento e aprecio " a Faustino Ucha Alvariñas, que foi conserxe do CEIP Isidora Riestra; Dolores Leiro Rey, do servizo de limpeza no CEIP de Espedregada; Carmen Castro Ucha, tamén do servizo limpeza no pavillón da Seca; e a Helena Martínez Epifanio, técnico de mocidade na Casa Rosada.