'Un Rapá Transquilo', un concerto virtual de Éric Dopazo para retomar os Vermús de Pinto e Maragota

Pontevedra
28 de novembro 2020

A cita será o sábado 5 de decembro ás 20.00 horas e poderá verse en directo na canle de Facebook de Pinto e Maragota. Permitirá reflexionar sobre a realidade do colectivo trans, con cuestións como a lei en debate, a linguaxe inclusiva ou o seu actual proceso de transición, coa interpretación de temas musicais de creación propia e algunha ‘cover’

Éric Dopazo
Éric Dopazo / Concello de Pontevedra

A pandemia da covid-19 tamén cambiará este ano o formato do proxecto de Vermús de Pinto e Maragota, que xuntan diversión e inclusión. A próxima cita será o sábado 5 de decembro e, dadas as actuais restricións sanitarias que afectan á hostalería, terá un formato virtual.

A cita será o sábado ás 20.00 horas, cun faladoiro-concerto titulado 'Un Rapá Transquilo', a cargo do filólogo, músico e activista trans ourensán Éric Dopazo.

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, lembrou este sábado que Dopazo xa ten participado no programa municipal en encontros con alumnos de Secundaria e Bacharelato nos centros de ensino da cidade e nesta ocasión reflexionará, entre vermús e cancións, sobre cuestións como a linguaxe inclusiva e a lei trans.

A actividade poderá verse en directo a través da canle de Facebook de Pinto e Maragota e permitirá reflexionar sobre a realidade do colectivo trans, con cuestións como a lei en debate, a linguaxe inclusiva ou o seu actual proceso de transición, coa interpretación de distintos temas musicais de creación propia xunto con algunha 'cover'.

Éric Dopazo formou parte do dúo musical Canela Cafuné e actualmente compón e interpreta en solitario e participa en diversas colaboracións. Foi o creador da canción 'Universo Diverso', coñecida como o ‘himno’ de Arelas, Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia. A súa canle de Youtube 'Un Rapá Transquilo' está de finalista do Premio Comunicación do certame #Youtubeiras2000.