Un Punto Morado por unha Feira Franca libre de acoso e agresións

Pontevedra
05 de setembro 2019

Unha equipa formada por unha psicóloga, un axente de igualdade e cinco voluntarios protagonizarán unha nova campaña de sensibilización e velarán pola seguridade das mulleres nesta festa

Ensaio do espectáculo da Feira Franca
Ensaio do espectáculo da Feira Franca / Mónica Patxot´

A Feira Franca de Pontevedra contará coa caravana do Punto Morado co obxectivo de garantir unha festa sen agresións nin abusos sexuais contra as mulleres.

O vehículo, que estará ubicado unha vez máis nas inmediacións das escaleiras de San Francisco, lucirá unha decoración con bandeirolas moradas, tea de saco e feixes de palla.

Unha psicóloga, un axente de igualdade e unha equipa de cinco persoas voluntarias desenvolverán na xornada do sábado esta nova campaña municipal de información e sensibilización contra as violencias machistas, en horario de 20.00 a 4.00 horas.

Tal e como explica a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, repartiranse folletos informativos, dípticos, pegatinas e pulseiras deseñados para a ocasión.

"Hai que ser conscientes de que queda moito traballo por facer, sobre todo para erradicar determinadas condutas machistas, e a presenza da caravana nas rúas segue a ser, por desgraza, esencial", sinalou a concelleira.

Aínda que durante as festas grandes de agosto non rexistraron denuncias por casos de acoso ou agresión sexual, a equipa do Punto Morado si interveu para acompañar ás súas casas, a petición das mesmas, a dúas rapazas de 16 e 24 anos. 

 

Arquivado en