Un proxecto solucionará o grave estado de deterioro do Camiño do Souto, en Combarro

Poio
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A actuación suporá executar un muro de contención e mellorar o firme no camiño, unha obra "moi necesaria", pois o estado actual desta vía é "desde hai anos, un risco para a seguridade de condutores e peóns".  O alcalde, Ángel Moldes, visitou o camiño 

Ángel Moldes, no Camiño do Souto, en Combarro
Ángel Moldes, no Camiño do Souto, en Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio porá en marcha un proxecto para solucionar o grave estado de deterioro no que se encontra o Camiño do Souto, en Combarro.

A actuación suporá executar un muro de contención e mellorar o firme no camiño, unha obra "moi necesaria", pois o estado actual desta vía é "desde hai anos, un risco para a seguridade de condutores e peóns".

O alcalde, Ángel Moldes, visitou o camiño e explicou que o Goberno destinará fondos do plan +Provincia  da Deputación de Pontevedra "para dar resposta a unha demanda que os veciños deste lugar levan reclamando desde hai moitos anos porque a situación neste lugar é preocupante".

O proxecto inclúe a mellora do firme e escavación en desmonte, preparar o terreo en saneos e escavación mecánica de toxo para cimentación do muro de contención do vial.  

Ademais, desbrozaranse as beiravías, limparase a vexetación existente e dotarase de sinalización horizontal e vertical para dotar de maior seguridade á zona.

O Goberno local xa negociou coa propiedade da parcela para poder facer ese muro de contención que evitará que a rúa continúe desfacéndose e, ao mesmo tempo, ampliar o vial cunha alineación a catro metros do eixe.

O Camiño do Souto é unha vía moi transitada que une Combarro, O Xuviño e Cidrás. En inverno este camiño recibe un importante caudal de auga e por iso faise necesario executar este muro de contención que permitirá mellorar a seguridade.