"Un proxecto revolucionario no mundo que vai cambiar as cousas", así valorou a presidenta da Deputación, Carmela Silva o Plan Revitaliza no acto de despedida do persoal de Illa de Príncipe que durante os dous últimos meses estivo en Pontevedra para aprender o sistema de compostaxe provincial.
Esta delegación africana rematou a súa formación e regresará á súa rexión nos vindeiros días para aplicar o modelo do Revitaliza na que está recoñecida como reserva mundial da biosfera.
"Estamos á altura de implementar na práctica o que aprendemos aquí e vostedes nos ensinaron. Temos todo en marcha para poder iniciar o proxecto", explicou Rodrigo dos Ramos Cardoso Cassandra, voceiro do grupo.
Cassandra, en nome de Páscoa Rita dos Santos, Anabela Mendes e Alberto Ana Leal, subliñou o grande traballo realizado na provincia, agradeceu a dispoñibilidade das autoridades provinciais, e insistiu en que a impresión que levan de Pontevedra "é fantástica".
Ademais dos agradecementos oficiais, o grupo de Príncipe tamén quixo amosar a súa gratitude polo trato recibido cantando unha canción autóctona na súa lingua sobre o coidado da biosfera.
O vicepresidente Mosquera aproveitou, pola súa banda, para destacar que Illa de Príncipe ten posibilidades de converterse nun referente na zona e incluso mundial se aproveitan a formación adquirida grazas ao Revitaliza.
"Eu vexo os tres elementos que se necesitan para que sexades exitosos: ter fé nas cousas e nas propias capacidades, traballo e coñecemento. Fóchedes valentes ao querer ser reserva da biosfera. Esa é unha decisión valente e forte. A ilusión e a decisión para isto téndela tamén, e o coñecemento é fácil adaptalo", subliñou.
"Nós somos unha esquina de Europa pero non aceptamos ese status. Nós estudamos o que se facía neste campo, adaptamos as solucións ás características das Rías Baixas e non aceptamos as solucións centralistas. Acadamos un fito francamente difícil nun tempo relativamente curto", salientou César Mosquera.
Pola súa banda a presidenta da Deputación enxalzou a relación existente entre a institución provincial e a Illa de Príncipe ao abeiro do Plan Revitaliza, "un proxecto revolucionario no mundo que vai cambiar as cousas".
Neste eido, Carmela Silva asegurou sentirse "emocionada" por poder formar parte dun proxecto común: "É marabilloso compartir e poñer en marcha iniciativas entre lugares tan distantes da terra. Así debería ser o novo mundo".