Un proxecto piloto analiza en Marín como aproveitar especies mariñas descartadas

Marín
20 de xuño 2017

Fomentar o aproveitamento sustentable de especies mariñas que, actualmente, están a ser descartadas para o consumo. Ese é o principal obxectivo da planta piloto que se proba no porto de Marín, construída no marco do proxecto LifeiSEAS, financiado pola Unión Europea

Planta piloto de procesado de especies descartadas en Marín
Planta piloto de procesado de especies descartadas en Marín / Xunta de Galicia

Fomentar o aproveitamento sustentable de especies mariñas que, actualmente, están a ser descartadas para o consumo. Ese é o principal obxectivo da planta piloto que se proba no porto de Marín, construída no marco do proxecto LifeiSEAS, financiado pola Unión Europea.

Esta planta piloto está destinada a procesar a biomasa antes descartada para diferentes tipos de usos, entre eles a elaboración de produtos para o consumo humano a partir destas especies. Deste xeito posibilitará que a captura descartada poida ser procesada e comercializada.

O proxecto integra as unidades de procesado xunto con ferramentas e protocolos de loxística, comercialización e xestión e divídese en tres zonas: unha área de almacenamento en frío, unha sala de elaboración de produtos para o consumo humano e unha sala de elaboración de produtos para outros usos. 

Na sala de elaboración obtéñense diversos produtos e pastas alimentarias, principalmente músculo de peixe de alta calidade que se utiliza como materia prima para a elaboración de diferentes produtos como hamburguesas, nuggets e palitos de peixe, a partir dos que se poden elaborar numerosas receitas.

Na sala de elaboración de produtos para outros usos obteranse aqueles como hidrolizados de peixe, coláxenos, xelatinas e cartílago, de aplicación no eido farmacolóxico e da cosmética.

O proxecto LifeiSEAS comezou a desenvolverse en xuño de 2014 e estará vixente ata finais de xuño de 2018. Está financiado pola Unión Europea a través do Programa Life e  está coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, un dos socios xunto co Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).

O seu principal obxectivo é demostrar que un escenario sustentable é posible nas pesqueiras da UE e para iso o proxecto achega solucións innovadoras para a redución e xestión dos descartes pesqueiros.