Este mesmo ano, a Xunta de Galicia poñía en marcha un servizo para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias a través dun sistema de videoconferencia no que un intérprete de lingua de signos facilita a comunicación entre o persoal sanitario e o paciente. Esta iniciativa súmase a outras accións promovidas por diferentes institucións públicas, como é o caso do ámbito da xustiza, que conta con intérpretes en lingua de signos nos xulgados.
Con todo, aínda existen numerosas situacións cotiás en que as barreiras de comunicación dificultan o acceso e a participación das persoas xordas na sociedade en igualdade de oportunidades. Por iso, dende a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra están a levar a cabo unha iniciativa para que calquera persoa xorda ou xordocega poida contar co apoio dun intérprete sempre que o necesite.
Na sede da Asociación, situada no edificio da Xunta na rúa Benito Corbal, en Pontevedra, citámonos coa súa presidenta, Cristina Paramos. Esta entrevista é posible grazas ao apoio de Melisa Novas, quen é a intérprete de persoas xordas en Lingua de Signos Española (LSE) e guía intérprete de persoas xordocegas que presta este servizo aos asociados.
– En que consiste o proxecto 'Plena accesibilidade e igualdade de oportunidades para as persoas xordas e persoas xordocegas'?
Este proxecto é unha subvención grazas á que podemos contratar a un intérprete de lingua de signos, co cal ofrecemos un servizo de interpretación de lingua de signos completo para os nosos usuarios, persoas xordas ou con calquera grao de discapacidade, e de guía intérprete para persoas xordocegas, tamén.
– Cantas persoas están a beneficiarse deste proxecto e cal é o seu perfil?
Son usuarias deste servizo aproximadamente sobre cen persoas. Grazas ao intérprete podemos eliminar as barreiras de comunicación. Persoas xordas, xordocegas, hipoacúsicas e persoas implantadas son as que teñen acceso a este servizo para eliminar as barreiras de comunicación.
– En que consiste o traballo dun intérprete de lingua de signos?
Un intérprete o que fai é "interpretar" o que di a persoa xorda. Fai de ponte de comunicación: traduce literalmente o que di esa persoa xorda e, ao contrario, igual, o que di a persoa oínte interprétao en lingua de signos. Deste xeito, elimina a barreira de comunicación que existe.
– Por que é necesario para os asociados contar con este profesional?
Para eliminar estas barreiras de comunicación e que se poidan comunicar con calquera persoa. Por exemplo, se necesitan un servizo, ou teñen que ir a un médico ou ao banco, ou un pai que ten que ir ao colexio para falar cunha profesora... Entón solicita a presenza do intérprete que os acompaña a eses servizos e interpreta a situación sen problema ningún e así se produce esa boa comunicación.
– Pódenos comentar algunha situación concreta na que interviñese esta persoa intérprete cun asociado?
Hai moitas. Calquera xestión nunha tenda onde teñas que ir comprar. Imaxínate, por exemplo, unha óptica. Tes que comprar unhas lentes e se vas con esta persoa intérprete xa non tes ningún problema de comunicación. Son situacións onde este servizo é moi importante.
– O servizo empezou a prestarse o ano pasado. Como está a ser a resposta dos usuarios?
Empezou o 2 de novembro, que foi cando se fixo o contrato, e cunha duración de nove meses, co cal acaba agora, en agosto. Nós ofrecemos este servizo a todas as persoas que o solicitan, é moi demandado a diario. Temos servizos fóra, servizos presenciais ou videochamadas, e cubrimos os concellos de Marín, Poio e Pontevedra.
– Cales son as principais barreiras de accesibilidade que se atopan as persoas xordas e xordocegas no seu día a día?
A barreira máis importante é a barreira de comunicación. Necesitamos ter unha accesibilidade como o resto das persoas oíntes, se non, vense discriminadas, porque non teñen ese poder de comunicación con outras persoas.
– E que cambios se necesitarían na sociedade para favorecer a plena accesibilidade?
Exactamente o que estamos a facer con este proxecto: a figura do intérprete, para que non haxa estas barreiras comunicativas, que é o que hai que eliminar.
– Este proxecto é beneficiario do Plan Social de Ence. Que supón esta axuda?
Grazas ao Plan Social de ENCE nós sentímonos moi apoiados e, contar con esta subvención, a nós como asociación sálvanos, porque podemos contratar a figura do intérprete e guía intérprete para persoas xordas, xordocegas, persoas con implantes ou hipoacusias, para mellorar a súa calidade de vida diaria. Por iso sentímonos moi agradecidos e espero que continúe, porque para nós é moi necesario.