Un premio en Shenzhen e unha conferencia en Pekín, novos fitos de Pontevedra na China

Pontevedra
05 de decembro 2016

Pontevedra dá un paso máis na proxección da cidade en Asia. De China chega un novo premio ao modelo urbano pontevedrés. Por segundo ano consecutivo, a fundación Prospective et Innovation puxo os seus ollos na cidade do Lérez como exemplo de desenvolvemento sustentable. Recibirá o galardón nun congreso que acollerá a rexión chinesa de Shenzhen

Vista aérea da cidade de Pontevedra
Vista aérea da cidade de Pontevedra /

Pontevedra dá un paso máis na proxección da cidade en Asia. De China chega un novo premio ao modelo urbano pontevedrés. Por segundo ano consecutivo, a fundación Prospective et Innovation puxo os seus ollos na cidade do Lérez como exemplo de desenvolvemento sustentable. Recibirá o galardón nun congreso que acollerá a rexión chinesa de Shenzhen.

En concreto, esta fundación de orixe francesa decidiu outorgar a Pontevedra o premio na categoría de Mobilidade amable: peonalización e mobilidade ciclista, no marco dun cume Euro-China sobre transporte intelixente e ecolóxico. Trátase dun evento moi similar ao que acudiu Pontevedra, tamén para recoller un premio, en Hong Kong.

"Pontevedra está no punto de mira da xente que está a debater sobre mobilidade alternativa, cambio climático, cidades amables e desenvolvemento sostible", destacou Miguel Anxo Fernández Lores, tras anunciar a concesión do premio a Pontevedra.

Á cidade chinesa de Shenzhen, unha área duns 10 millóns de habitantes, viaxará Fernández Lores á fronte dunha pequena comitiva municipal, na que estará tamén a concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, e o intendente da Policía Local, Daniel Macenlle.

Neste caso, o premio é para o proxecto titulado Coa túa propia enerxía. Parte dun dossier que foi solicitado pola organización deste cume euroasiática tomando como referencia a participación de Pontevedra no encontro do pasado ano en Hong Kong.

Pontevedra recollerá o premio este sábado 10 de decembro. O mesmo día, ademais, participará xunto con outras seis cidades europeas nunha mesa redonda na que poderá expoñer as liñas básicas do seu modelo urbano. Acompañaranlle representantes de Budapest (Hungría), San Lucido (Italia), Ternopil (Ucraína), Funchal (Portugal), Montpellier (Francia) e Friburgo (Alemaña).

CONFERENCIA EN PEQUÍN

Tras este congreso, o alcalde impartirá unha conferencia en Pequín. Será o luns 12 de decembro nun acto que organiza a entidade CFLD, un operador urbano que actualmente está a planificar o desenvolvemento de máis de trinta cidades en China, a través dun modelo de cooperación público-privado.

Un dos principais proxectos desta compañía é o traballo, xunto coa Academia Central de Belas Artes de China, para urbanizar o novo centro administrativo de Pequín, onde segundo reza o convite remitido a Pontevedra queren poñer en práctica a experiencia pontevedresa na xestión do transporte e a mobilidade peonil.

"Sabemos que a súa cidade, Pontevedra, é a primeira no mundo que puxo en práctica con éxito a diminución dos vehículos a motor no centro da cidade. Esperamos que poidan compartir a súa experiencia connosco", aseguran desde esta entidade.

Ambas as citas supoñen, segundo Fernández Lores, un "chanzo máis" na proxección internacional de Pontevedra e do "interese" que está a espertar en todo o mundo. "Aí estaremos a promover e a poñer no mapa o nome da cidade", destacou. Especialmente en Asia, onde tamén Taiwan ou Corea do Sur preguntaron recentemente polo modelo urbano pontevedrés.