Un voceiro das plataformas de afectados polas participacións preferentes e subordinadas do Morrazo, Vigo e Val Miñor, interrompeu o pleno da Deputación de Pontevedra para esixir as axudas comprometidas pola institución provincial nas accións xudiciais que teñen en marcha contra a cúpula da extinta caixa galega.
Cun cencerro colgado ao pescozo, José Manuel Estévez, representante destas plataformas, dirixiuse ao presidente Rafael Louzán reclamándolle "se se vai a facer efectiva a axuda, en que cantidade e en que prazo de tempo," dixo.
"Ante a falta de resposta tiven que vir aquí", xustificou o preferentista. A iniciativa xudicial destas plataformas, agora constituídas en asociación, ten un custo aproximado duns 10.000 euros que pretendían que fosen asumidos "a partes iguais" polos afectados, o Concello de Vigo e a Deputación.
Dende o grupo do BNG, o seu voceiro, César Mosquera, instou goberno provincial a "que se tramite a axuda" tal e como se acordara noutra sesión plenaria. Igualmente, Santos Héctor, voceiro do grupo socialista asegurou que está "lexítimamente xustificado que veñan aquí porque non houbo resposta a un compromiso adquirido polo Pleno da Deputación".
Louzán recordou que o compromiso de axudas era de algo máis de 3.000 euros e comentou que a querela presentada polos preferentistas "non foi admitida a trámite" polo xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, ao entender que o sabedor da situación é o xulgado de Vigo. Pola súa banda, en Vigo acordouse tamén desestimar a apertura do caso.
"O problema está maioritariamente resolto", interveu o voceiro do PP, José Manuel Figueroa. "Fixemos un traballo excepcional", engadiu.
Louzán resolveu o tema asegurando que nun máximo de 15 días a súa petición será respondida. O Pleno reanudouse logo de 20 minutos.