Un positivo en covid-19, denunciado por saltar o peche perimetral entre Pontevedra e Poio

Pontevedra
08 de febreiro 2021

Ata 79 denuncias presentou a Policía Local na última semana por incumprir as restricións decretadas polas autoridades sanitarias pola situación actual da pandemia. Pero, sen dúbida, unha leva a palma. Foi na tarde do pasado venres

Control policial na Ponte das Correntes
Control policial na Ponte das Correntes / Cristina Saiz

Ata 79 denuncias presentou a Policía Local na última semana por incumprir as restricións decretadas polas autoridades sanitarias pola situación actual da pandemia. Pero, sen dúbida, unha leva a palma. Foi na tarde do pasado venres.

Un home, veciño de Poio, foi interceptado polos axentes da Policía Local de Pontevedra despois de saltar o peche perimetral do municipio. O máis sorprendente chegou ao comprobar a súa documentación.

Esta persoa, segundo explica o goberno municipal de Pontevedra, tería que estar gardando corentena na súa casa, xa que dera positivo por covid-19.

O seu irresponsable comportamento traeralle consecuencias. Foi denunciado por unha falta grave, que lle carrexará unha sanción de entre 3.000 e 30.000 euros.

Ademais, a Policía Local denunciou a un ximnasio da rúa Amado Carballo que estaba aberto un bar da zona da Santiña, onde había tres clientes consumindo no seu interior.

A maior parte das denuncias, ata 30, foron por saltar o peche perimetral de Pontevedra, mentres que 19 foron por reunirse sen ser conviventes e 16 por non levar máscara. Outras seis persoas foron denunciadas por non respectar as distancias de seguridade.

A Policía Local de Pontevedra, nos últimos días, efectuou tamén cinco controles de vehículos, un deles en colaboración coa Policía Local de Poio, no que se revisaron 1.980 vehículos e impuxéronse 30 denuncias.