A actuación dun axente da Policía Local de Vilagarcía, que practicou unha manobra de reanimación cardiopulmonar (RPC), contribuíu esta semana a salvar a vida a un home de 51 anos que sufría unha parada cardíaca en plena rúa.
Todo sucedeu sobre as 18.50 horas da tarde deste mércores 18 de outubro. O home atopábase tirado no chan na rúa Santa Eulalia cando foi detectado por unha patrulla da Policía Local.
Ao comprobar que se atopaba inconsciente, pálido, que non respiraba e que as pulilas non respondían á luz, un dos axentes decidiu comezar a practicarlle a manobra de RCP mentres non chegaba a ambulancia medicalizada.
A rápida actuación policial e a práctica da manobra de reanimación ata que chegaron os servizos médicos resultaron fundamentais.
Os servizos médicos chegaron ás 19.02 e monitorizaron o home para comprobar que a reanimación causara efecto, posto que xa presentaba constantes vitais e semellaba estabilizado.
A vítima foi trasladada ao Hospital de Montecelo.
Este luns conmemorouse o Día Mundial da Parada Cardíaca e persoal do Servizo Municipal de Emerxencias, do 112 e do PAC de Vilagarcía impartiron sesións demostrativas a máis de 400 escolares do municipio para ensinarlles a técnica e para informarlles de como actuar e dar aviso en caso de atoparse cunha persoa en situación de parada.