O goberno da Deputación de Pontevedra vén de deseñar o Plan Provincial de Desenvolvemento Turístico do Destino centrado na Enogastronomía que se presentará á convocatoria dos Fondos Next Generation.
O plan ten por obxectivo contribuír ao desenvolvemento económico fixando poboación no rural a través dunha iniciativa multiexperiencial que quere converter á provincia nun destino sostible, dixital, integrador e innovador e nun territorio de "excelencia".
O traballo contou con un amplo proceso participativo onde o sector público e privado estivo activamente implicado e que se perfilou este xoves na reunión da Mesa Provincial de Turismo.
No encontro, presidido pola presidenta da Deputación, Carmela Silva e no que participaron, entre outras persoas, o presidente do Clúster de Turismo, deputada e concelleiras de Vigo, Pontevedra e Poio, a directora do Aeroporto de Peinador e representantes da Ruta do Viño, Turismo de Sanxenxo, FEPROHOS e dos CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo), déronse a coñecer as principais liñas da proposta, que está aliñada co Plan Nacional de Turismo Gastronómico.
A presidenta da Deputación incidiu en que se trata "dun proxecto conxunto, dun plan moi diverso e plural, que parte do consenso entre o sector público e o sector privado, dando resposta a este territorio que é unha forza da natureza enogastronómica".
O plan baséase na transición verde, na competitividade, na transición dixital e na eficiencia enerxética para converter á provincia nun destino enogastronómico que promova o desenvolvemento económico tanto dos concellos como do sector privado relacionado coa cadea de valor enogastronómica, desde a produción ata a transformación do produto, e a creación de experiencias turísticas.