Un perito citado a declarar no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra a petición da empresa Audasa este mércores minimizou as incidencias de retencións na circulación polo tramo de Rande da AP-9 durante as obras de ampliación da ponte da autoestrada.
A Fiscalía Provincial de Pontevedra recolle na demanda presentada contra a empresa 202 incidentes durante os tres anos que duraron as obras, pero este especialista redúceos a 86 nese período 2015-2018 e conclúe que, deses, tan só 13 se poden atribuír directamente ás obras. Tan só catro deles terían o denominado 'código vermello' por unha incidencia grave e dous foron, en realidade, por transfers nocturnos, de modo que, finalmente, tan só recoñece dous incidentes de circulación difícil.
Este perito declarou na segunda sesión do xuízo contra Audasa pola presunta cobranza abusiva das peaxes de Rande durante as obras e, en base aos informes da Fiscalía e da DXT, calculou que durante o tempo das obras houbo 106 horas anuais de demoras nese tramo da AP-9 en sentido Pontevedra-Vigo e 41 en sentido contrario. O regulamento de Estradas do Estado di que, para que as demoras sexan consideradas significativas, deben ser 150 anuais, de modo que conclúe que nese tramo nesa etapa non foron destacables.
Este especialista tamén chega á conclusión que os usuarios que sufriron retencións e atascos durante as obras de Rande tiñan alternativas para facer ese traxecto entre Pontevedra e Vigo en caso de incidencias. Serían a N-550 e N-554 por Vilaboa e a N-550 e a N-552 por Redondela. Se o traxecto habitual pola autoestrada é de 18 minutos, por Vilaboa subiría a 28 e por Redondela, a 40.
A pesar de ser un perito de parte, a Fiscalía conseguiu acurralalo en varias ocasións durante o seu longo testemuño de preto de dúas horas e acabou recoñecendo que durante o tempo das obras reducíronse as beiravías e número de carrís, de modo que as características da vía "non son as condicións óptimas dunha autoestrada". Esta resposta dá a razón á Fiscalía na súa tese de que se cobrou como autoestrada unha vía que, en realidade, non reunía as condicións.
Tamén a preguntas do Ministerio Público recoñeceu que no informe elaborado para esta causa cualifica como incidentes na circulación varios episodios que logo non se inclúen nese cálculo final sinalado no seu testemuño.
A preguntas dun dos avogados demandantes (están persoados como demandantes a Fiscalía, as asociacións En Colectivo e Adicae e unha ducia de afectados particulares), o especialista tamén recoñeceu que "Audasa é un bo cliente meu" e dos seus 15 últimos traballos polo menos 12 realizounos para esta empresa.
Pola sala de vistas tamén pasaron tres axentes da Garda Civil que durante eses tres anos realizaron servizos na rotonda situada no acceso á A- P9 en Rande desde a Vilaboa. Os gardas explicaron que se puxo en marcha un dispositivo especial de vixilancia na zona durante eses tres anos en previsión de retencións e atascos polas obras de Rande e do coñecido como Corredor do Morrazo. Entre as 7 e as 9 da mañá había dúas patrullas destinadas á zona, dúas na propia autoestrada e dúas nese acceso.
Para esta causa, a Fiscalía pediu que desde a Administración citásese como testemuñas a gardas civís de Tráfico que traballasen na zona, sen poder elixir a quen se chamaba. Curiosamente, ningún dos que acudiron ao xuízo estaba directamente na AP-9, se non os tres na rotonda.
A pesar de que non viron o que pasaba na contorna de Rande, un axente si indicou que "nas mañás de luns a venres había retencións e atascos importantes, sobre todo cando chovía", outro fala de "algunha" retención de grandes dimensións e o terceiro indicou que, por momentos, a AP-9 chegou a estar tan colapsada que tiñan que parar o tráfico na citada rotonda para que non accedesen máis vehículos á autoestrada porque "xa non entraban máis". Isto ocorreu de forma "moi puntual".