Un pequeno incendio fai saltar as alarmas en Salcedo

Pontevedra
12 de agosto 2016

O lume iniciouse á primeira hora da tarde, ao redor das 16.00 horas, na zona de Armada e Virrete e provocou que se desprazasen ata o lugar efectivos do Corpo de Bombeiros, Protección Civil e a Policía Local. Finalmente, tres horas despois, ao redor das 19.00 horas, quedou controlado

Zona incendiada en Salcedo preto dunha vivenda
Zona incendiada en Salcedo preto dunha vivenda

Un incendio de pequenas dimensións provocou este venres que saltaran todas as alarmas na paroquia pontevedresa de Salcedo. Finalmente, as consecuencias foron mínimas, pero á primeira hora da tarde temeuse que puidese desembocar nun lume maior. Ademais, o perigo viña relacionado co feito de que as lapas chegaron a un punto moi próximo a vivendas.

Segundo informou a Policía Local, o lume iniciouse á primeira hora da tarde, ao redor das 16.00 horas, na zona de Armada e Virrete e provocou que se desprazasen ata o lugar efectivos do Corpo de Bombeiros, Protección Civil e a Policía Local. Finalmente, tres horas despois, ao redor das 19.00 horas, quedou controlado. 

Entre as intervencións realizadas, foi necesario que os medios municipais mobilizados trasladasen a varios animais que é atopaban nunha leira ameazada polo lume e cuxo propietario non se atopaba no lugar nin foi localizado. Finalmente, ningún sufriu danos. 

As lapas estendéronse nun momento dado a unha leira situada a varios metros do lugar do incendio, pero tamén conseguiron extinguirse sen provocar maiores ameazas.