O Pleno do Concello de Pontevedra foi convocado de maneira extraordinaria para o vindeiro luns para abordar o recurso presentado por un particular no que esixe a revogación do acordo por que o que se retirou do rueiro da cidade o nome do rei emérito Juan Carlos I.
No pleno do pasado luns 15 de febreiro a corporación municipal, cos votos favorables de BNG e PSdeG e o rexeitamento do PPdeG e do concelleiro non adscrito, aprobada a eliminación do nome do monarca en "un acto de xustiza, decencia e hixiene democrática", polo que a avenida co nome do Borbón pasaba a levar o de Virxinia Pereira Renda.
Entón a concelleira de Cultura, Carme Fouces, afirmaba que "hoxe é un día histórico que quedará gravado no relato da cidade", despois de saír adiante unha proposta que foi xustificada polo comportamento de Juan Carlos I, que "avergoña ata aos monárquicos decentes", e ás informacións que apuntan "á cobranza de comisións" de "dubidosa procedencia" que, ademais, "ocultaba en Suíza para esconder ao fisco do seu propio reino", polo que concluía que o rei emérito "non é merecedor da honra que supón ter unha rúa en Pontevedra".
Esta decisión do plenario foi recorrida por un cidadán particular, Luis Herrera Rodríguez, que esixe a revogación do acordo.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou este mércores que o prazo para resolver este asunto acaba o día 15 de abril e "inevitablemente para rexeitar esa petición é necesario facer un acordo plenario porque foi no pleno onde se aprobou ese cambio de nome da rúa". O pleno ordinario celebrarase o día 19 deste mes.
Fernández Lores confirmou que o Goberno local "rexeitará esa petición" xa que é "unha decisión política". Ademais un informe de Secretaría rexeita o recurso porque o acordo adoptouse "con todos os requirimentos legais" e dentro das competencias que ten o pleno para facelo.