Un paciente tratou de agredir o persoal médico e ao vixiante de seguridade no PAC de San Roque

O Salnés
05 de agosto 2024

A Área Sanitaria condena os últimos episodios de agresións ao persoal dos PAC de Vilagarcía e O Grove esta fin de semana

Centro de Saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa
Centro de Saúde de San Roque, en Vilagarcía de Arousa / PontevedraViva

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de condenar publicamente os últimos episodios de violencia externa sufridos por parte de profesionais, rexistrados a pasada fin de semana nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, e O Grove, no transcurso das urxencias extrahospitalarias.

O incidente máis salientable tivo lugar durante a garda da noite do sábado, 3 de agosto, no PAC de San Roque, xa que foi necesaria a intervención de varias dotacións policiais. 

Segundo informan dende a Xerencia da Área Sanitaria, "un paciente con síntomas aparentes de intoxicación etílica e alterado" accedeu ao centro para ser atendido. No transcurso da asistencia, xa dentro da consulta, comezou a tratar de agredir tanto ao persoal médico así coma ao vixiante de seguridade, e a lanzarlles o material sanitario e outros obxectos que se atopaban no box.

Este usuario tivo que ser reducido polos axentes da Policía e, en primeira instancia, trasladado ao Hospital Público do Salnés polo estado no que se atopaba. 

O facultativo recibiu un empurrón e o persoal de seguridade, ao tratar de protexer ao resto, lesionouse nun dedo.

En canto ao incidente rexistrado no PAC de O Grove, tamén nunha das gardas de noite desta pasada fin de semana, tratouse dunha agresión verbal dun paciente a unha enfermeira, o que requiriu igualmente a intervención do persoal de seguridade, aínda que neste caso o doente atendeu a razóns e cesou na súa actitude violenta.

Este tipo de situacións reiteradas no tempo propiciou que a Área Sanitaria procedera á contratación de efectivos de Seguridade nalgún dos seus Puntos de Atención Continuada, en aras de garantir o normal funcionamento da actividade asistencial das urxencias extrahospitalarias. Ademais, todos os puntos de atención continuada da área contan con cámaras de videovixilancia para poder identificar aos agresores.

Segundo sinala o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Arias, "temos que garantir a seguridade do noso persoal por enriba de todo, temos que coidar a quen nos coida para que os nosos pacientes sexan os primeiros beneficiados, non estamos dispostos a tolerar ningún tipo de agresión verbal nin física e estamos a tomar todas as medidas legais para atallar este problema incomprensible. Ninguén pode entender que como pacientes nin como profesionais da sanidade teñamos que sufrir esta situación. Quero recordar que os sanitarios teñen consideración de autoridade na nosa lexislación e así o estamos a denunciar".

A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés insiste deste xeito na súa firme defensa do normal desenvolvemento do servizo sanitario público para toda a poboación de referencia.