Un novo servizo facilitará aos pontevedreses resolver os divorcios sen acudir ao Xulgado

Pontevedra
11 de setembro 2014

Poder resolver os procesos de separación ou divorcio cun acordo privado entre as partes sen ter que acudir ao Xulgado. ÿ un dos obxectivos cos que entrará en funcionamento o vindeiro luns 15 de setembro o novo servizo de mediación intraxudicial en Pontevedra, que coordinan a Universidade de Vigo e o Colexio Provincial de Avogados

Sinatura do convenio para a posta en marcha do servizo de mediación familiar intraxudicial
Sinatura do convenio para a posta en marcha do servizo de mediación familiar intraxudicial

Poder resolver os procesos de separación ou divorcio cun acordo privado entre as partes sen ter que acudir ao Xulgado. ÿ un dos obxectivos cos que entrará en funcionamento o vindeiro luns 15 de setembro o novo servizo de mediación intraxudicial en Pontevedra, que coordinan a Universidade de Vigo e o Colexio Provincial de Avogados. Pretende tamén deixar atrás o estrés que provoca ver como unha relación de parella remata nun proceso contencioso.

Dúas mediadoras encargaranse de intentar axudar ás parellas en proceso de separación a achegar posturas e deixar nun segundo plano os "factores emocionais", co obxectivo de "intentar encamiñalos cara a racionalidade e alcanzar un acordo", como sinala a súa coordinadora, a profesora Francisca Fariña, en declaracións que difunde o Duvi da Universidade de Vigo.

Francisca Fariña, que é actualmente decana de Ciencias da Educación e do Deporte, explica que a idea é axudar ás parellas "a que sexan eles os que busquen unha solución ao seu problema, porque eles mellor que ninguén saben que é o mellor para a súa familia".

O servizo, que Francisca Fariña coordina por parte da Universidade, é froito do convenio asinado no mes de xullo pola Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Provincial e o Colexio de Avogados. Desde entón a psicóloga e a avogada que exercerán como mediadoras traballaron na preparación do material de traballo e en definir como se ía realizar a mediación coa idea de poder levala a cabo de forma coordinada.

A partires do vindeiro luns, chegará o momento de comezar a atender ás familias e para facelo de xeito máis efectivo, as mediadoras veñen de manter unha xuntanza coa xuíza de familia da cidade, María del Mar Felices. Será a propia xuíza a que inste ás partes a recorrer a esta alternativa á vía xudicial, que ten carácter gratuíto e aceptación voluntaria. Tamén se pode suxerir desde a Fiscalía.

Está previsto que este servizo atenda principalmente asuntos relacionados coa garda de custodia e co tempo de estancia dos menores, se ben cabe calquera cuestión incluída no convenio regulador. A finalidade é resolver o asunto cunha maior axilidade e evitar as consecuencias económicas e psicolóxicas que pode implicar que un proceso de separación chegue aos tribunais, o que provoca, segundo Fariña, "un estrés tóxico que pode tamén contaxiarse aos menores".