O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, confirmou este venres que os municipios da Lama e Ponte Caldelas compartirán unha nova praza de atención pediátrica.
Así llo explicou Flores ao alcalde da Lama, David Carrera, nun encontro para analizar a atención sanitaria do municipio.
Esta nova praza compartida de pediatría dividirá o seu tempo desta forma entre o centro de saúde da Lama e ao centro de Atención Primaria do Concello de Ponte Caldelas, tal e como se dirimiu mediante concurso de méritos na recente convocatoria do Servizo Galego de Saúde para prazas de difícil cobertura.
Por outra banda o xerente reiterou o compromiso da administración sanitaria de mellorar as actuais infraestruturas do centro de saúde da Lama, coa idea de mellorar o illamento do edificio e efectuar melloras en materia de comunicación e accesibilidade da poboación.