Un novo falecemento embaza a baixada de casos activos de covid na área sanitaria

Pontevedra
31 de xaneiro 2022

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés pecha este luns o mes de xaneiro con 6.982 casos activos de coronavirus, 342 menos que o domingo, unha cifra embazada polo falecemento dun home de 84 anos que se atopaba ingresado no Hospital de Montecelo

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés pecha este luns o mes de xaneiro con 6.982 casos activos de coronavirus, 342 menos que o domingo.

Este descenso quedou embazado co falecemento dun home de 84 anos no Hospital de Montecelo. Trátase da vítima 242 con positivo activo por covid desde o inicio a pandemia.

En canto ao balance diario ofrecido polo Servizo Galego de Saúde, a baixada de casos prodúcese polo elevado número de altas epidemiolóxicas nas últimas horas (824), que compensa a cifra de 482 novos contaxios detectados.

Do total de afectados 87 persoas atópanse ingresadas en hospitais da comarca, dos que 5 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo e o resto fano en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (66), o Hospital do Salnés (14) e o Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez.

Desde o inicio da pandemia superaron o virus un total de 42.047 persoas na área sanitaria.

No que respecta a os datos autonómicos, Galicia conta ao 31 de xaneiro con 62.867 casos activos de covid, o que supón un descenso de 2.764 con respecto á xornada anterior.