Un novo accidente no 'punto negro' da Variante de Marín sáldase cunha muller ferida leve

Marín
05 de xaneiro 2014

Os accidentes repítense entre o quilómetro 7 e 10 desta vía. Esta vez a condutora dun turismo perdeu o control do seu vehículo impactando coa barreira lateral preto da rotonda de Seixo. Foi evacuada por efectivos do 061 con dores nas costas e o pescozo

Os últimos quilómetros, entre o 7 e 10, da VG 4.4, a Variante de Marín, van camiño de converterse nun punto negro de circulación.

Aínda que polo momento a Dirección Xeral de Tráfico non oficializou esta catalogación, os accidentes repítense demasiado a miúdo na mesma zona, próxima xa á rotonda de Seixo.

Esta vez o resultado do sinistro, acontecido aproximadamente ás 9:30 horas deste domingo, foi o dunha condutora ferida leve tras saírse da vía o seu vehículo no quilómetros 10, dirección Bueu, e impactar coas proteccións laterais.

Ao lugar do suceso desprazáronse efectivos de Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Marín e 061, evacuando estes últimos á muller, única ocupante do turismo, a un centro hospitalario de Pontevedra afectada de dores nas costas e o pescozo.