Un mural colectivo decora a rúa Cruz Vermella: "grazas por deixar o noso barrio máis bonito"

Pontevedra
03 de agosto 2024

A rúa Cruz Vermella será testemuña permanente do xeito no que a xente máis nova entende a cidade. Nesta zona creouse un mural con motivo do obradoiro ‘A cidade que soñamos e que habitamos’, impartido por Javier Carrera de Reclamo Estudio

Mural na rúa Cruz Vermella
Mural na rúa Cruz Vermella / Concello de Pontevedra

A rúa Cruz Vermella será testemuña permanente do xeito no que a xente máis nova entende a cidade. Nesta zona creouse un mural con motivo do obradoiro ‘A cidade que soñamos e que habitamos’, impartido por Javier Carrera de Reclamo Estudio.

Este obradoiro forma parte do programa ideado polo Concello de Pontevedra baixo o nome de Ponteverán, cuxo obxectivo é achegar unha oferta cultural e de ocio educativo para a mocidade e adolescencia.

Javier Carrera explicou que a dinámica do obradoiro foi partir dun par de sesións creativas, onde propoñer e imaxinar ideas para a futura composición do mural, que xa está rematado e que é visible na rúa Cruz Vermella.

O mural xerou un novo elemento estético na cidade que mellora a calidade urbana do lugar e achega a arte emerxente ata a veciñanza. "Fixemos fincapé en espazos, elementos e símbolos de Pontevedra que a rapazada quería representar", explica Carrera.

Segundo explicou, "as conversas coas crianzas partían desa idea de representar unha cidade que soñamos e que habitamos, destacando o ocio cultural da cidade". Como resumo, o mural recolle librerías, gastronomía, canchas, natureza ou música.

O resultado gustou á xente do barrio, que "dixo que estaba encantada con mural". Segundo Carrera, "houbo un comentario en concreto, dun veciño, que se nos achegou e lle fixo especial ilusión a todos e todas as participantes que foi: ‘grazas por deixar o noso barrio máis bonito’".