Un mural artístico nas inmediacións de Pasarón recordará á 'Señora Lola'

Pontevedra
28 de febreiro 2020

A súa figura foi unha das rescatadas polo programa municipal A memoria das mulleres, que agora decidiu dar un paso máis e apostar porque Dolores Calviño protagonice a nova intervención artística que se realizará na cidade no marco desta iniciativa

Dolores Calviño, a 'Señora Lola'
Dolores Calviño, a 'Señora Lola' / A memoria das mulleres

Quizá polo seu nome real, Dolores Calviño, non moitos saberán de quen estamos a falar. Pero seguro que se nos referimos á 'Señora Lola', xa non haberá tantas dúbidas. Especialmente entre os afeccionados ao Pontevedra CF, que a lembran aínda con gran agarimo.

A ese equipo a 'Señora Lola' consagrou máis corenta anos de traballo e, ademais de deixarse a pel para atender as necesidades do club, foi nai e avoa para varias xeracións de futbolistas. Unha muller que brillaba por méritos propios nun mundo de homes.

Toda unha institución na casa granate, foi moito máis que a encargada da lavandería do club, a responsable no que aqueles raparigos aos que tanto quería lucisen domingo tras domingo as súas mellores galas. Foi un exemplo das mulleres traballadoras que contribuíron de maneira decisiva a que Pontevedra sexa a cidade que é hoxe en día.

A súa figura foi unha das rescatadas polo programa municipal A memoria das mulleres, que agora decidiu dar un paso máis e apostar porque Dolores Calviño protagonice a nova intervención artística que se realizará na cidade no marco desta iniciativa.

A foto que acompaña a esta información, na que a 'Señora Lola' foi  inmortalizada animando ao equipo da súa vida, será plasmada nun mural que estará situado nas inmediacións do campo de fútbol de Pasarón.

O edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, explicou que actualmente se está traballando para decidir a localización máis adecuada para este gran mural.

Esta intervención artística forma parte das liñas de traballo do programa A memoria das mulleres para os próximos anos, que anunciou o propio Moreda en rolda de prensa.

Arquivado en