Apenas 18 anos ten o mozo que foi detido pola Policía Local de Pontevedra acusado de agredir á súa ex parella, aínda menor de idade, tras negarse ela a retomar a relación que ambos tiveran fai tan só oito meses.
O suceso, segundo informou a Policía Local, produciuse onte luns sobre as dez da noite á saída dun dos institutos da Xunqueira.
Os axentes foron alertados de que un mozo estaba a pegar a unha rapaza. Ao chegar, viron como este estaba a gritar a unha das cinco mozas que se atopaban alí.
A ex noiva do presunto agresor relatou que tras atoparse ás portas do centro escolar o mozo tentou abrazala e, ante o rexeitamento dela a retomar a relación, comezou a zarandeala e agarrouna polo pescozo. A súa versión foi ratificada polas súas catro amigas.
A vítima, que tiña unha dor no cóbado e estaba nun gran estado de nerviosismo, foi trasladada a un centro sanitario para ser asistida das súas feridas.
O mozo, que xa foi detido no momento tras informarlle dos seus dereitos, foi trasladado á comisaría da Policía Nacional de Pontevedra.