Un monolito en Lourido, a guinda da declaración de Magín Froiz como fillo adoptivo de Poio

Poio
13 de febreiro 2023

O Concello de Poio está a ultimar os actos que ao longo das vindeiras semanas se celebrarán para lembrar a figura de Magín Froiz, iniciados xa hai uns meses co nomeamento do coñecido empresario, fundador do Grupo Froiz, como fillo adoptivo do municipio

Encontro entre Magín Froiz e Luciano Sobral, alcalde de Poio
Encontro entre Magín Froiz e Luciano Sobral, alcalde de Poio / PontevedraViva

O Concello de Poio está a ultimar os actos que ao longo das vindeiras semanas se celebrarán para lembrar a figura de Magín Froiz, iniciados xa hai uns meses co nomeamento do coñecido empresario, fundador do Grupo Froiz, como fillo adoptivo do municipio.

O alcalde, Luciano Sobral, fará entrega á familia de Froiz do diploma acreditativo que confirma o nomeamento, co que "buscamos recoñecer e honrar a memoria dun dos grandes embaixadores do noso municipio a nivel social, económico e deportivo".

Será un acto no que estarán presentes os representantes da corporación.

Ademais, colocarase un monólito de pedra na rotonda da Avenida da Praia, en Lourido, para lembrar a súa figura. "É un lugar polo cal Magín Froiz adoitaba a pasear con frecuencia e no que desenvolveu a súa actividade profesional e deportiva", destaca o alcalde.

Entre os méritos acadados polo empresario falecido en marzo de 2022, que levaba xa moitos anos residindo na parroquia de San Salvador, figura a fundación do Grupo Froiz, con base en Lourido, a través do cal creou milleiros de postos de emprego.

Moitos deles, recorda Luciano Sobral. "serviron e serven na actualidade para dar traballo a un gran número de veciños e veciñas e Poio e da comarca".

O Concello tamén ten en conta o espírito altruísta, colaborador e solidario de Froiz, que lle levou a colaborar de xeito activo en preto de 2.000 iniciativas culturais, solidarias e deportivas desenvoltas no municipio.