Un millón de euros para dar continuidade ao Practicum Depo e que 90 estudantes fagan prácticas no estranxeiro

Pontevedra
05 de decembro 2021

A Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha a sétima edición do Practicum Depo, que permite a persoas tituladas e docentes de FP realizar mobilidades no estranxeiro. O proxecto busca que o alumnado poida impulsar a integración no mundo laboral a través de prácticas en empresas e institucións e o profesorado poida ampliar a súa formación

Charla do Erasmus + do PracticumDepo 2015
Charla do Erasmus + do PracticumDepo 2015 / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra anunciou este domingo que este ano vai poñer en marcha a sétima edición do proxecto Practicum Depo, que permite a persoas tituladas e docentes de FP realizar mobilidades no estranxeiro. 

O proxecto busca que o alumnado poida impulsar a integración no mundo laboral a través de prácticas en empresas e institucións e o profesorado poida ampliar a súa formación.

A Xunta de Goberno deu luz verde a esta nova quenda do proxecto, enmarcado no Programa Erasmus +, cun orzamento dun millón de euros e que está cofinanciado na súa maior parte polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación).

Nesta sétima edición participarán 38 centros de Formación Profesional da provincia. A través do programa 90 persoas recentemente tituladas en ciclos medios pertencentes a distintas familias profesionais poderán beneficiarse dunha mobilidade de longa duración (182 días).

No caso dos docentes, son nove os que desfrutarán dunha estadía de 8 días para ampliar a súa formación.

As e os beneficiarios serán seleccionados polos 38 centros educativos que participan no Practicum Depo e poderán realizar as súas mobilidades en países como Irlanda, Alemaña, Bélxica, Grecia, Irlanda, Italia, Portugal, Malta, Francia, Finlandia, Países Baixos, Polonia, Romanía ou Islandia.

Reservarase ao redor do 15% das bolsas ofertadas ao alumnado con menos oportunidades. Con este financiamento preténdese salvar as barreiras que poidan dificultar a súa participación no proxecto, como as diferencias culturais, obstáculos sociais, económicos ou outros obstáculos vinculados á discriminación.