Un millón de euros en axudas ao deporte base, principal promesa do decálogo deportivo de Espazo Común

Pontevedra
13 de abril 2023

A agrupación que se presentará ás próximas eleccións municipais con María Rey á cabeza quere crear unha liña de transporte público que una o rural, o centro e os barrios coas principais instalacións deportivas da cidade e retomar o proxecto de cidade deportiva na Parda

Marga Soliño e María Rey, integrantes de Espazo Común
Marga Soliño e María Rey, integrantes de Espazo Común / Espazo Común

O partido político Espazo Común, que se presentará ás eleccións municipais de Pontevedra con María Rey como cabeza de lista, pon o foco na necesidade de mellorar a política deportiva da cidade. "Unha cidade de futuro ten que apoiar aos seus deportistas e ao deporte base", sosteñen desde a agrupación.

Nun decálogo de propostas a implementar neste ámbito, fan fincapé nas dificultades que teñen moitos mozos deportistas para desprazarse ás instalacións deportivas tanto desde o centro como desde as parroquias, por iso suxiren a implantación dun sistema de transporte público que conecte as instalacións deportivas coa cidade, os barrios periféricos e o rural.

Tamén consideran que dedicar ao deporte basee un 0,2 % do orzamento municipal é insuficiente, polo que propoñen pasar dos 300.000 ao 1.000.000 de euros en axudas para "fortalecer o sistema deportivo". 

A cantidade e calidade das instalacións deportivas tampouco lles parecen suficientes a Espazo Común, que pide retomar o proxecto de cidade deportiva da Parda e ampliar os recintos existentes. Así mesmo, denuncian que as necesidades de moitos clubs non están cubertas polo que suxiren instalar máis pistas polideportivas ao aire libre. Neste sentido, teñen a intención de crear circuítos cardiovasculares e crear parques deportivos para maiores.  

"Queremos un deporte pontevedrés que non deixe a ninguén atrás", remarcan desde Espazo Común, formación desde a que idean a organización dun evento anual para que cada un dos clubs e asociacións deportivas poidan mostrar o seu traballo, ampliar a oferta deportiva e crecer en número de practicantes e de socios.