Este martes 18 de agosto a familia de Sonia Iglesias Eirín viviu un cruel aniversario. Un duro quinto aniversario. Este martes 18 de agosto cúmprense cinco anos do día en que a nova pontevedresa desaparecía sen deixar rastro. Como xa vén sendo habitual, coincidindo con esta data, volveron saír á rúa arroupados por amigos, coñecidos e veciños da cidade para dicir ben alto que a desaparecida segue no seu recordo e para volver reclamar, unha vez máis, que "la verdad, algún día, salga a la luz". Nesta ocasión, avaláronos máis dun millar de persoas, un dato lixeiramente inferior ao dalgunhas convocatorias anteriores, pero o suficientemente contundente para que se se sintan apoiados e para que estes cinco anos sen Sonia non caian no esquecemento.
A reiteración destas manifestacións case as convertera en rutina, pero este ano realizouse cunha novidade como pano de fondo con respecto ás anteriores. É o primeiro aniversario dende que a Audiencia Provincial de Pontevedra acordou oarquivo provisional da causa e se confirmou que a ex parella de Sonia Iglesias, Julio Araújo, deixou de estar imputado pola súa desaparición.
A día de hoxe, a investigación está detido e non hai ningún sospeitoso xudicialmente. Ante tal situación, e transcorridos estes cinco anos, a irmá de Sonia Iglesias, Mari Carmen Iglesias, quixo trasladar que "sentimos rabia y, sobre todo, impotencia".
A praza da Ferrería foi o punto de encontro para este millar de persoas e o escenario doutra novidade con respecto a anteriores convocatorias. A canción en recordo de Sonia Iglesias composta polo compositor pontevedrés Enrique Alvite soou na praza rodeada do silencio dos asistentes e facendo saltar as bágoas ao son de:"Sonia te quiero. Sonia te espero. Te siento cada día más. Sonia, te veo en cada gesto, pues tu mirada decía más que tú".
"Todos sabemos que las personas no desaparecen de un día para otro, sin motivo, sin explicaciones, sin dejar rastro…"
A emoción non ocultou a "impotencia porque seguimos en la misma situación que hace cinco años: sin conocer lo que ocurrió ese fatídico día" nin a "rabia porque lo único que está en las manos de la familia y que podemos hacer es seguir manifestándonos y seguir luchando, sin descanso, para que algún día se conozcan los detalles de su desaparición". Así o resaltou Mari Carmen Iglesias nun discurso reivindicativo no que recordou que "todos sabemos que las personas no desaparecen de un día para otro, sin motivo, sin explicaciones, sin dejar rastro…, y más, si dejas atrás a un niño al que adoras y por el que darías la vida", en alusión a que Sonia Iglesías ten un fillo que aquel 18 de agosto do ano 2010 tiña 9 anos.
"Es muy duro, os lo puedo asegurar, durísimo, ser consciente de que en nuestra sociedad, con los medios que se poseen: policía, abogados, fiscales, jueces… un presunto delincuente se salga con la suya y sin tener que rendir cuentas ante la ley por un delito cometido", mantivo a irmá de Sonia, que fixo un repaso polas sensacións de frustración, dor, incredulidade e desamparo que experimentou a familia "durante estos larguísimos, para nosotros, ya 5 años".
Tras as súas emocionadas palabras, o silencio fíxose na Ferrería e, unha vez reproducida a canción en recordo a Sonia, os asistentes secundaron unha manifestación polas rúas de Pontevedra que, un ano máis, incluíu un minuto de silencio e un aplauso ante a tenda de Massimo Dutti en Benito Corbal, onde traballaba a desaparecida.