O Entroido da Lama celebrouse este sábado en medio dunha gran festa. Unhas mil persoas participaron no desfile organizado polo Concello, convertendo o centro da vila nun auténtico 'sambódromo' cheo de música e fantasía.
Oito comparsas e dez grupos locais acompañaron ao resto de participantes individuais ou en parella que, ao longo dun percorrido de dous quilómetros, fixeron gozar ao público co seu enxeño e bo humor. E todo iso nunha tarde con algo de frío, pero sen chuvia algunha.
Os premios ás mellores comparsas foron para Os Solfamidas, Os Paparrulos e Amoriños de Bora, mentres que entre os grupos visitantes triunfaron os Viaxeiros do tempo baixo presión (Marín), As marchosas de Arcade e A semente de Salcedo; e entre os locais, A pandilla de Ponte Caldelas, Os diabliños da Lama e Os máis mellores de Xustáns.
Xoieiro con bailarina, La Lola de España e Noivos cadáver foron os mellores disfraces en parellas ou individuais e o premio para a mellor agrupación infantil foi para Mister chuches, chegados de Fornelos de Montes.
A festa incluíu un reparto de chocolate para todos os que quixeron quentar algo o corpo.