Un milleiro de berros contra o peche de Abanca: "Escotet, escoita, Campo Lameiro está en loita"

Umia
28 de agosto 2021

Representantes políticos de diversos puntos da comarca de Pontevedra apoiaron esta concentración da veciñanza, cunha elevada presenza de persoas de avanzada idade que manifestaron a súa oposición á anunciada desaparición da oficina de Abanca no municipio

Manifestación contra o peche da sucursal de Abanca en Campo Lameiro
Manifestación contra o peche da sucursal de Abanca en Campo Lameiro

Ao redor dun milleiro de persoas participaban na tarde deste venres na manifestación convocada polo Concello de Campo Lameiro contra a decisión adoptada pola dirección de Abanca de pechar a única oficina que existe no municipio.

A manifestación foi encabezada por portavoces dos grupos municipais, PPdeG, Porvir e PSdeG- Psoe. Ademais outros representantes políticos como as deputadas autonómicas Lupe Murillo e Paloma Castro; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o da Lama, Jorge Canda; ou o secretario provincial do PSdeG-Psoe, David Regades, asistían portando unha pancarta do mesmo xeito que decenas de residentes no municipio que mostran o seu rexeitamento a unha decisión que provoca, segundo entenden, graves prexuízos para todos os habitantes da zona ao verse obrigados a desprazarse para realizar operacións bancarias.

Persoas de avanzada idade, algúns en cadeiras de roda, achegáronse a este acto de protesta. Os manifestantes realizaron cánticos contra o máximo representante da entidade bancaria como "Escotet, escoita, Campo Lameiro está en loita" ou "Escotet, Escotet, tiñamos un banco e pechóunolo usté".

A concentración finalizaba diante da oficina de Abanca, onde o alcalde Carlos Costa leu un manifesto en nome de toda a corporación municipal con frases como "estamos hoxe aquí para erguer con dignidade a voz dos pobos modestos, a voz dos pobos humildes e traballadores que non se resignan ante a adversidade dos acontecementos" para continuar indicando que "estamos aquí para defender os dereitos dos veciños e veciñas de Campo Lameiro, pero tamén os dos pequenos concellos do rural galego que se ven sometidos a decisións inxustas que hipotecan o seu futuro, vulneran a igualdade de oportunidades e desertizan o noso territorio".

O máximo representante local indicou que "o rural galego mantívose leal e confiou no presidente de Abanca cando nos pediu que non retiraramos os cartos cando se fixo cargo das antigas caixas. El pediu o noso compromiso e nós respondémoslle con lealdade. Agora eles queren traizoar a nosa confianza, queren pechar a única oficina que teñen en Campo Lameiro e nós dicímoslles alto e claro: Non, non ao peche de Abanca e non á morte do rural galego".

Anunciou que seguirán loitando ata o final e que non resultará tan fácil acometer o peche co apoio da veciñanza.