Un mes de magostos por todas as parroquias de Poio

Poio
30 de outubro 2023

Será con un total de doce festas que chegarán a todas as parroquias do municipio, xa desde este martes 31 de outubro en Campelo. O goberno municipal, que organiza estes magostos en colaboración con diversos colectivos da vila, estima que se repartirán preto de 900 quilos de castañas asadas

Presentación da programación de magostos de Poio
Presentación da programación de magostos de Poio / Concello de Poio

Ata finais de novembro é tempo de magostos en Poio. Será con un total de doce festas que chegarán a todas as parroquias do municipio, xa desde este martes 31 de outubro en Campelo.

O goberno municipal, que organiza estes magostos en colaboración con diversos colectivos da vila, estima que se repartirán preto de 900 quilos de castañas asadas.

Dentro do calendario dos magostos, que se desenvolverán ata finais de novembro, inclúese a celebración da Festa da Castaña de San Martiño, organizada pola Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva. Será o venres 10 de novembro, ás 20:00 horas na Praza da Capela.

Tamén ese mesmo día o Concello de Poio realizará o seu magosto na Casa Rosada, ás 17:30 horas, dirixido ás persoas maiores usuarias das actividades organizadas polos servizos sociais.

As castañas asadas poderanse degustar nos moitos magostos que están programados polas diferentes asociacións locais. Sen ir máis lonxe, este martes 31 en Campelo celebrase o magosto impulsado pola asociación de veciños, ás 20:00 horas, na Praza da Granxa. 

Xa o venres 3, será a quenda de Lourido, no Parque Costa Xiráldez ás 18:00 horas, organizado pola asociación veciñal. Un día despois, o sábado 4, o magosto celebrarase en Raxó, no Centro Cultural Xaime Illa a partir das 19:00 horas, organizado pola comisión de festas.

En Combarro, a AC Ateneo Corredoira programou o magosto o domingo 5, ás 18:00 horas, na Praza de San Roque; e xa a fin de semana seguinte, o sábado 11, a SDC Samieira preparará o magosto no espazo municipal Tarrío ás 18:00 horas.

En San Salvador, Vilariño, A Seca e Chancelas os magostos serán o sábado 18. 

No caso de San Salvador, será no adro da igrexa, ás 20:00 horas, organizado pola AC Divino San Salvador. Á mesma hora serán o de Vilariño, impulsado pola asociación de veciños na rúa Vilariño de Abaixo; e o da Seca, na Reiboa, a cargo da asociación de veciños Boureante. En Chancelas o magosto está organizado pola asociación de veciños e será no Camiño Real ás 21:00 horas.

O último dos magostos, o sábado 25 de novembro, será o que se celebre ás 19:00 horas no espazo municipal do Sartal, organizado pola ACV Ronsel.