Un mes de despedidas para Tito de la Peña, a perfumería referente no centro de Pontevedra

Pontevedra
06 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Durante o mes de abril, as dúas tendas que a marca Tito de la Peña mantiña na cidade de Pontevedra, nas rúas Oliva e Castelao, están a liquidar os seus produtos ante o seu próximo peche. Teté de la Peña desvélanos todos os detalles deste adeus e lembra as sete décadas de historia do negocio familiar

Teté de la Peña apoiada no mostrador da tenda Tito de la Peña de Oliva, 24
Teté de la Peña apoiada no mostrador da tenda Tito de la Peña de Oliva, 24 / Mónica Patxot

"Sobre todo gustaríame agradecer á nosa clientela de tantos anos e ás profesionais que traballaron nas nosas tendas, que foron marabillosas", pide Teté de la Peña, emocionada, durante a conversa con PontevedraViva. É o epílogo a máis de 35 anos despachando tras os mostradores das perfumerías Tito de la Peña e sete décadas de negocio familiar. A histórica firma pontevedresa pechará proximamente as súas dúas tendas na cidade: en Oliva 24 e Castelao 9.

- Por que pecha Perfumería Tito de la Peña?

Pechamos porque non se pode facer fronte á situación actual, que está mala. E logo temos moita competencia de grandes cadeas, como lle pasa a todo o pequeno comercio en xeral, porque teñen horarios moi amplos, fan promocións en calquera momento do ano e son descontos que nós non podemos asumir. Ademais, despois da pandemia subiu moitísimo a venda en liña, e isto tamén lle resta ao comercio, porque non podemos ter esas ofertas.

- Cal foi o momento clave no que tomastes a decisión?

O ano pasado non foi bo. Entón esperamos á campaña de Reis, a ver que tal, pero foi mala. En marzo foi cando tomamos a decisión, porque é o mes no que tes que empezar a traer produto novo de primavera, e hai que facer un desembolso grande. Ese desembolso en dous meses tes que pagalo e viamos que non o iamos xuntar. 

- Xa tedes unha data para o peche?

Non, en principio imos estar en abril e non sabemos canto máis.

- Como van ser estes días previos? 

Pois agora estamos xa con ofertas do 30 e 40 por cento en case todos os produtos, e manteremos estas ofertas ata a liquidación final.

- Volvamos a vista atrás, pódesnos resumir a historia da marca Tito de la Peña?

Ao principio, antes dos anos 50, había unha tenda neste local (Oliva, 24) que se chamaba Godoy, que traballaba droguería e colonias. No ano 1954, máis ou menos, empezou o meu pai (Tito de la Peña) a traballar aí con 14 anos. Despois, en 1976, creouse a primeira sociedade que era Godoy - Tito de la Peña, e xa entrou el como socio, e foi cando se empezaron a vender algunhas marcas boas e algún complemento.

En 1988 foi cando abrimos a primeira tenda que era só Tito de la Peña, nesta mesma rúa Oliva, no número 2

En 1988 foi cando abrimos a primeira tenda que era só Tito de la Peña, nesta mesma rúa Oliva, no número 2, e xa metemos alta perfumería, alta cosmética e complementos. Cos anos, en 1996, abriuse a tenda de Castelao, que agora xestiona o meu irmán Enrique, e a antiga Godoy pasou a ser nosa, ao morrer César Godoy. Entón xa seguiron as tres tendas baixo a marca Tito de la Peña. Agora só quedan dúas.

- Cando se incorpora Teté ao negocio familiar?

Cando abrimos a primeira perfumería Tito de la Peña, en Oliva número 2, a finais de 1988 foi cando empecei eu. A tenda xestionábaa a miña nai, María Esther Portela, e foi cando cambiamos a droguería por alta perfumería e complementos. 

- Tito de la Peña nunca se uniu a un gran grupo, como marcaban a diferenza?

Nós quixemos que isto fose sempre un negocio familiar, e ademais ese é un mundo onde non é fácil meterse. A diferenza coa maioría das cadeas é unha atención máis personalizada. Nós temos un persoal moi cualificado e ademais ten unha amabilidade que as clientas agradecen.

- Como está a responder a clientela nestes días?

Temos clientas de toda a vida e están a vir a darnos un abrazo e ánimos

Temos clientas de toda a vida e están a vir a darnos un abrazo e ánimos. Nestes momentos complicados quedamos con esas boas cousas, coas clientas e tamén coas traballadoras que pasaron por aquí, que foron marabillosas.

- Ao longo de todos estes anos, cal é o perfume icónico de Tito de la Peña, o que sempre se vendeu?

O perfume que máis se vende en Nadal é Chanel Nº 5, sen dúbida. Incluso a xente nova, como ten as versións modernas, máis suaves, tamén lle gusta. E logo os homes, sobre todo dunha idade, queren Chanel Nº 5, porque o usan as súas mulleres ou teñen esa idea dun perfume especial para regalarllo. Chanel Nº 5 séguese vendendo sempre, eu creo que é o número un en vendas todo o ano.

- Lembras aqueles perfumes que no seu momento marcaron un antes e un despois?

Cando naceu hai anos Lou Lou de Cacharel foi unha revolución, porque que era unha fragrancia para xente nova moi intensa; logo Gaultier en cabaleiro foi unha fragrancia que saíu moi perfumada e diferente ao que naquela época usaban os homes, e foi número un en Europa; e dende sempre, Chanel, Hermès, Yves Saint Laurent…, todas estas marcas teñen un laboratorio detrás que cando crean un perfume fano doutra maneira, con aceites diferentes, con fixación, cunha historia detrás.

- A tenda é neste momento un ir e vir de clientas, deuvos tempo a pensar no futuro?

Polo momento non. Agora estou centrada en pechar, que me supón unha pena grande. Os locais son en propiedade, a ver se despois pensamos algo que se poida abrir. Non o sei. Porque, sinceramente, nestes momentos abrir un comercio é moi complicado, e traspasar o negocio véxoo inviable, se me preguntan, nunca aconsellaría montar unha perfumería.