Un mercadiño na carballeira de Santa Lucía, novidade para o Nadal en Moraña

Umia
05 de decembro 2019

Moraña incluíu unha vintena de actividades na súa programación de Nadal que, como principal novidade, estreará un mercadiño na carballeira de Santa Lucía e a inauguración do novo edificio multiusos tras completarse a rehabilitación do vello mercado

Belén xigante de Moraña
Belén xigante de Moraña

Moraña incluíu unha vintena de actividades na súa programación de Nadal que, como principal novidade, estreará un mercadiño na carballeira de Santa Lucía e a inauguración do novo edificio multiusos tras completarse a rehabilitación do vello mercado.

A programación arrancará o vindeiro xoves, día 12, co obradoiro Telar maia, que continuará os días 17 e 18. Mentres, as actividades musicais comezarán o sábado 14 co XVIII Certame de Nadal da Coral Voces Amigas e o venres 20 co Festival da Escola de Música.

Nesa mesma data arrancará o obradoiro Constrúe o teu propio xoguete, para nenos dende 6 anos e que se estenderá aos días 23, 26, 27 e 30. Esta segunda semana da programación rematará os días 21 e 22 co Mercado de Nadal e, xa o domingo, co Certame de Nadal da Banda de Música Nova Lira ás 12.30 horas na capela dos Milagres de Amil.

En torno a estas datas abrirase ao público o rehabilitado vello mercado, xa convertido en multiusos con auditorio, pero que aínda non ten día concreto posto que depende do remate das obras de urbanización exterior.

Na mesma xornada da súa estrea tamén se inaugurará o belén xigante do colectivo O Menhir, que vai mostrar unha versión algo máis ampliada respecto á exitosa do ano anterior, na que se reproducen todas as parroquias do municipio.

A terceira semana do Nadal inclúe a visita matinal de Papá Noel o 24 de decembro, un obradoiro de galletas para cativos os días 26 e 27, unha xornada para a mocidade con parkour, skate, grafitis e break dance no pavillón o sábado 28, o baile de Fin de Ano para a terceira idade no multiusos nesa mesma xornada e o Concerto de Fin de Ano con todas as agrupacións musicais locais o domingo 29 baixo a organización de Nova Lira.

A recta final arrancará o 2 de xaneiro cunha festa infantil con música e inchables no pavillón e continuará co X Torneo de Nadal de Tenis de Mesa o día 4, os Cantos de Reis a cargo do colectivo Seixebra nesa mesma data e, xa o día 5, coa tradicional Cabalgata de Reis, que arrancará ás 16.30 horas para percorrer todo o rural e chegar ás 19.00 horas a Santa Lucía.

O Concello ofrecerá, como de costume, un servizo gratuíto de autobús polas parroquias e convidará a chocolate con rosca.

Finalmente, a programación tamén inclúe unha Recollida Solidaria de Nadal, que estará aberta ata o 20 de decembro na Casa da Cultura para facer doazóns de comida e produtos de aseo para as familias necesitadas, e sendas exposicións de todos os traballos escolares que participaron no XV Concurso de Tarxetas de Nadal na Casa da Cultura e do 50º aniversario do Moraña CF, que remata co ano 2019, no edificio multiusos.