O Equipo de Atestados da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra investiga tres mozos por varios delitos contra a seguridade viaria e omisión do deber de socorro. As dilixencias instruíronse por un accidente ocorrido no parking da sala de festas La Luna, en Cerponzóns, producido pola conduta temeraria do condutor dun turismo, que resultou ser un menor de idade.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, o menor estaba ao volante dun BMW, modelo Compact, cando se puxo a facer trompos arroiando ao vixiante de seguridade cando trataba de impedir esta conduta perigosa posto que a zona estaba ocupada por unha gran cantidade de xente e vehículos que se dispoñían a abandonar o estacionamento.
O vixiante tivo que ser evacuado con feridas de carácter grave a un centro sanitario de Pontevedra.
O Grupo de Investigación e Apoio a Tráfico (GIAT) do Subsector de Tráfico da Garda Civil desta Comandancia iniciou as oportunas investigacións identificando o condutor do turismo: un mozo menor de idade, con domicilio en Vigo, ao que se lle investiga como suposto autor de dous delitos contra a seguridade viaria (condución temeraria e non obter nunca autorización administrativa para conducir), un delito de lesións e outro de omisión do deber de socorro.
O vixiante tivo que ser evacuado con feridas de carácter grave
Tamén se procedeu á investigación das outras dúas persoas que viaxaban no coche como presuntos autores dun delito de omisión do deber de socorro, Z.A., de 24 anos, de nacionalidade paquistaní e A.G.G., de 23 anos de idade, os dous veciños tamén de Vigo.
No caso concreto de A.G.G., investígaselle tamén como autor dun delito contra a seguridade viaria, ao permitir o uso e a condución do vehículo da súa propiedade a unha persoa menor de idade e sen permiso de condución.
As dilixencias instruídas serán entregadas no Xulgado de Instrución de garda dos de Pontevedra, onde terán que presentarse os dous investigados cando para iso sexan citados, mentres que o menor farao ante a Fiscalía de Menores.