Un 'mapa das violencias' a través das redes sociais, proposta de Belas Artes con motivo do 25N

Pontevedra
22 de novembro 2022

A Facultade de Belas Artes convida a escribir nun post-it situacións violentas ou machistas, coa idea de crear unha 'performance' pegando a notas adhesivas tanto no propio centro universitario como na rúa 

Proposta da Facultade de Belas Artes para conmemorar o 25N
Proposta da Facultade de Belas Artes para conmemorar o 25N / Universidade de Vigo

A Facultade de Belas Artes de Pontevedra propuxo unha curiosa iniciativa para conmemorar o vindeiro venres 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Trátase dun reto en redes sociais no que propoñen "crear un novo mapa das violencias".

En concreto o obxectivo será, a traves de notas de calquera cidadán ou cidadá escritas en post-it denunciando situacións violentas ou machistas ou destacando exemplos de respecto e bo trato, crear unha performance pegando as etiquetas amarelas tanto no propio centro universitario como na rúa.

Ademais solicítase que se suban fotografías á rede social Instagram etiquetando ao perfil @facultadedebelasartes.

Segundo explica a secretaria académica da facultade, Chelo Matesanz, esta é unha iniciativa proposta pola responsable das redes sociais da facultade, a xestora cultural Sara Donoso, que ten como obxectivo "facernos pensar en frases que están incrustadas na nosa forma de comunicarnos, que usamos sen darnos conta e que moitas veces teñen connotacións e significados implícitos de violencia".

Desde Belas Artes propoñen, en resumo, ás persoas participantes que coloquen estas frases tanto nas aulas e corredores da facultade como na rúa ou nas súas propias casas, para así crear "un novo mapa das violencias" a través das redes.

Arquivado en