Un libro rememora e reivindica a importancia do primeiro congreso "As mulleres que opinan son perigosas"

Pontevedra
29 de marzo 2022

O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu este martes a presentación dunha obra que recompila en quince crónicas o contido daqueles trece relatorios e dúas mesas redondas o contido dun congreso pioneiro e histórico sobre feminismo e xornalismo

Presentación do libro "As mulleres que opinan son perigosas"
Presentación do libro "As mulleres que opinan son perigosas" / Mónica Patxot

Cun formato de debate ao mellor estilo do foro “As mulleres que opinan son perigosas”, as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira deron a coñecer hoxe no Pazo Provincial da Deputación os contidos do libro que fai memoria da primeira edición do congreso celebrado no 2018, que puxo á provincia de Pontevedra como centro e referencia da igualdade e o feminismo no Estado.

O salón de plenos vestiuse este martes de lila e coas ilustracións de Emma Gascó, que inclúe a obra, para acoller a presentación deste volume, que converte os quince relatorios daquel debut noutras tantas crónicas coas que as xornalistas buscan reflexionar sobre o eco do evento despois de catro anos e unha pandemia.

No acto, no que se deron cita máis de medio cento de representantes do xornalismo, da política, da cultura e da Universidade, López e Pedreira mantiveron un ameno diálogo coa presidenta provincial, Carmela Silva, e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que subliñaron a repercusión acadada polo congreso e amosaron a súa emoción pola próxima volta á presencialidade do debate.

“As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois” repasa en clave xornalística os trece relatorios e as dúas mesas daquel primeiro congreso, que xurdiu en resposta a un foro de columnistas en León que non incluíra a ningunha muller.

Na primeira edición participaron, amais de Susana Pedreira e Diana López, María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Rosa Montero, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera. Do volume se ten realizado unha tirada de 1.500 exemplares, que tamén se distribuirán na quinta edición do congreso.

Como explicou Susana Pedreira, "o libro é un exercicio de xornalismo para recuperar e gardar a memoria da primeira edición dun congreso pioneiro como foi ‘As mulleres que opinan son perigosas’, e para reflexionar desde a actualidade entrevistando ás protagonistas. Pasaron catro anos e unha pandemia, e todo o vivido desde entón atravesa o libro porque atravesou as vidas de todas nós, de todos os que estades aquí". 

Para a xornalista, despois do período transcorrido "non hai dúbida de que hoxe hai máis mulleres opinando nos medios de comunicación que hai catro anos”. “Todas as xornalistas convidadas a Pontevedra en 2018 seguen opinando, e moitas delas ampliaron os espazos mediáticos nos que teñen palestras desde as que facerse escoitar", engadiu.

Tamén Diana López Varela insistiu en que “catro anos e unha pandemia despois se algo teño claro é que as xornalistas feministas non só somos perigosas senón que somos máis necesarias que nunca para o oficio e para o conxunto da sociedade. Custounos moito ocupar os espazos e agora temos que facer un exercicio de resistencia, aínda que as veces custe. E custa moito mais cando es nai".

A presidenta Carmela Silva lembrou con emoción aquel primeiro foro “e a rabia contida que deu pulo a un encontro que nos encheu de inmensa felicidade e ledicia. Porque hai mulleres, moitas e moi potentes. Grandes xornalistas con voz e ideas propias repletas de optimismo, que rompen teitos de cristal e de formigón armado. Mulleres que se encontraron e situaron a provincia como un grande eixo central e reivindicativo da igualdade no xornalismo de todo o Estado".

Con todo, Silva quiso recordar que “aínda hai que seguir facendo moito traballo de pico e pa, esforzarse en derrubar teitos de cristal e rachar con chans pegañentos e apostar por visibilizar o talento das mulleres”. Neste senso, apuntou que a obra presentada hoxe rememora un momento histórico que se produciu ás portas do 8M e constitúe un novo pilar “polo que supón de memoria para as novas xeracións” dentro desta loita pola igualdade.

Pola súa parte, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou a importancia da publicación que hoxe se vén de presentar; de que o papel recolla as ponencias e as intervencións realizadas durante estes anos no foro “As mulleres que opinan” nun compendio que poida ser consultable en calquera momento. “Será a mostra do labor desenvolvido a prol do feminismo por ducias de mulleres que escolleron Pontevedra para ser un referente na defensa dos dereitos das mulleres”, rematou.