A rede térmica do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas acaba de experimentar unha mellora integral cunha actuación que permitiu cambiar as instalacións de fontanaría e calefacción.
A actuación foi posible cun investimento de 88.000 euros realizado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
O xefe territorial de Educación, César Pérez, visitou o centro con representantes do equipo directivo e da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) e integrantes da unidade técnica da consellería para supervisar os traballos realizados.
A rede térmica mellorou, en primeiro lugar, coa modernización integral da fontanaría deste centro público, que xa tiña bastante antigüidade e presentaba certos problemas e fugas. Procedeuse, principalmente, á substitución de todas as antigas tubaxes de ferro e á dotación dunhas novas canalizacións ao longo dos 705 metros da rede.
Tamén se procedeu á construción dun colector e á renovación de diversos aparellos do sistema e á posterior comprobación do axeitado funcionamento do novo servizo a través de probas e de analíticas.
A Consellería de Educación tamén procedeu á mellora do sistema de calefacción, xa que tíñanse detectado un exceso no consumo de combustible, uns inadecuados parámetros nas medicións do confort térmico e unha potencia insuficiente nalgúns puntos.
Procedeuse á reforma da sala de caldeiras e á modernización do grupo térmico, a mellora dos sistemas de control e de distribución independizando os circuítos con válvulas e bombas, a substitución dos radiadores do comedor por outros con maior potencia e a instalación de válvulas termoestáticas nos puntos de emisión de calor para obter unha maior eficiencia.