Un investigador de Acerbaixán 'toma nota' dos petróglifos de Mogor

Marín
24 de novembro 2017

O investigador Rehman Abdullayev, responsable da reserva histórico-artística nacional de Gobustán, en Acerbaixán, visitou este venres o centro de interpretación dos petróglifos de Mogor para comprobar o estado de musealización destes restos arqueolóxicos

O investigador Rehman Abdullayev, en Mogor
O investigador Rehman Abdullayev, en Mogor / Concello de Marín

O investigador Rehman Abdullayev, responsable da reserva histórico-artística nacional de Gobustán, en Acerbaixán, visitou este venres o centro de interpretación dos petróglifos de Mogor para comprobar o estado de musealización destes restos arqueolóxicos.

Estivo acompañado pola concelleira de Cultura de Marín, María José De Pazo, e polo director do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, José Manuel Rey. 

A reserva de Gobustán é unha paisaxe cultural con arte rupestre incluída na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

Comprende tres zonas dunha meseta rochosa emprazada na rexión semidesértica que ocupa o centro do Acerbaixán e alberga un conxunto excepcional de máis de seis mil petróglifos, executados ao longo dun período de 40.000 anos de arte rupestre.

Tamén posúe vestixios de poboamentos, covas habitadas e sitios funerarios, que constitúen unha proba da súa ocupación intensiva polo ser humano no período húmido subseguinte á última era glaciar, desde o Paleolítico Superior ata a Idade Media.

O sitio abarca unha superficie total de 537 hectáreas, que forman parte do territorio protexido, moito máis extenso, da reserva de Gobustán.

Arquivado en