Un informe técnico constata o "deterioro e abandono" da totalidade dos parques infantís de Soutomaior

Soutomaior
29 de novembro 2023

O Concello de Soutomaior traballa nunha estratexia de actuación sobre os parques para rehabilitalos e facelos máis inclusivos

Detalle dos danos no xogo dun parque infantil
Detalle dos danos no xogo dun parque infantil /

O goberno local de Soutomaior vén de recibir o informe técnico cos resultados da auditoría realizada o pasado mes de outubro nos parques infantís do municipio. 

O informe conclúe que a totalidade dos parques infantís presenta un "estado deterioro e abandono prolongado no tempo durante anos", o que ten como consecuencia que moitas das pezas e xogos "precisen de arranxos estruturais ou mesmo da súa retirada".

O informe técnico fai unha revisión pormenorizada de cada un dos parques infantís de Soutomaior. En liñas xerais, todos eles presentan xogos desgastados, cun mal mantemento e mesmo apodrecidos ou directamente rotos. 

Ademais, o informe tamén fai referencia ao estado no que se atopan os elementos perimetrais dalgúns destes parques, é dicir, os valados que rodean estes parques. O documento recolle os desperfectos nestas estruturas e recomenda o seu arranxo, cando non a súa retirada, para garantir a integración dos parques nos espazos nos que se atopan.

O concelleiro de Urbanismo, Pablo Garrido, sinalou que "o informe técnico confirma o que xa sabíamos: que o estado no que se atopan a práctica totalidade dos parques municipais é lamentable, tanto na súa conservación como no seu mantemento. Isto supón un serio risco para os rapaces e rapazas que acoden a estes parques e desloce a imaxe que Soutomaior traslada ás familias".

O alcalde, Manu Lourenzo explicou que agora o goberno de Soutomaior levará a cabo a súa propia avaliación para posteriormente deseñar unha estratexia de actuación global nos parques infantís. Esta estratexia non só abrangue a reparación dos parques infantís, senón que a rehabilitación levará aparellada consigo a mellora da sinalización nestes, conseguindo adaptala a todas as persoas, sexa cal sexa a súa diversidade funcional. 

"Toda rapazada de Soutomaior poderá desfrutar dos parques de maneira comprensible e autónoma, garantindo a inclusividade e a seguridade dos nosos pequenos e pequenas", comprometeuse Manu Lourenzo.