O orzamento municipal de Cuntis para o ano 2022, aprobado a principios do mes de marzo, prevé unha partida de 6.000 euros para conservación e mantemento do patrimonio etnográfico.
Esta dotación permite afrontar sen axuda doutras administracións tarefas periódicas de roza e limpeza na contorna de áreas como as Cardecide, A Ran, Cequeril ou Castrolandín, supoñendo un dos principais activos do municipio xunto ás termas.
Ademais existen máis dunha ducia de conxuntos arqueolóxicos de menores dimensións nos que o Concello realiza tarefas esporádicas de prevención de incendios ou evitando a plantación de eucaliptos na súa contorna para evitar danos por mor das raíces.
Trátase dunha partida económica que, a través dunha alegación ao orzamento, solicitaron aumentar desde colectivos ambientalistas atopándose cunha resposta negativa por parte do servizo de Intervención, tal e como asegura ter previsto explicar o alcalde Manuel Campos no próximo pleno, ao sinalar que "cando deba de realizarse un gasto que non teña suficiente crédito no nivel de vinculación xurídica, deberá tramitarse previamente o oportuno expediente de modificación de crédito. Poderán efectuarse retencións de crédito naquelas partidas aquí non indicadas e nas que se estime procedente facer a reserva de crédito co fin de non ser consumido pola bolsa de vinculación xurídica".