Un informe xurídico do Departamento de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) cualifica de "xustificada" a proposta de fusión municipal impulsada polos concellos de Cerdedo e Cotobade, xa que sinala que reportará "importantes vantaxes" na prestación de servizos públicos.
O ditame é completamente favorable e respalda a viabilidade e encaixe legal da proposta de unión.
O documento, que se adheríu ao expediente do proceso de fusión, sinala que os servizos públicos cando menos manteranse ou melloraranse e advirte de que ambos concellos por separado, coa situación actual de declive demográfico, teñen as prestacións e atencións cidadáns "en perigo" e só poderán mantelas "cun encarecemento" para os veciños, o que tería que traducirse en subas fiscais.
Precisamente por iso, respalda a fusión, xa que permitirá soster e impulsar os servizos públicos en Cerdedo e Cotobade sen cargas para os cidadáns grazas a un mellor financiamento.
Neste punto, o informe xurídico apunta a que o concello fusionado contará con máis recursos económicos por medio da Participación dos Ingresos do Estado (PIE) –xa se dixo que aportará 353.000 euros anuais máis– e tamén polos incentivos económicos do goberno central e da Xunta recollidos na Lei de Bases de Réxime Local e na Lei de Administración Local de Galicia.
XEOGRAFÍA E DEMOGRAFÍA FAVORABLE
O ditame da universidade compostelana tamén afonda noutras cuestións máis aló das económicas, xa que sostén que, ademais da xustificación polos servizos públicos e do correcto encaixe legal, "concurren consideracións de orde xeográfica e demográfica que aconsellan" a fusión. Neste punto, sinala que as relacións de veciñanza de ambos municipios e o feito de que, xuntos, superarán folgadamente o umbral chave dos 5.000 habitantes son fundamentais para acometer este proxecto de unión coas máximas garantías.
Xa en cuestións máis técnicas, o informe explica que no expediente "obra toda a documentación esixida pola lexislación aplicable" e que a proposta de acordo e o convenio "conteñen todas as determinacións requeridas", en referenza á denominación, á capitalidade, as obrigas e dereitos ou a situación do persoal, do que se garante o seu mantemento agás no caso dos habilitados nacionais, que se reaxustarán prescindindo dun secretario-interventor, o cal permitirá un importante aforro.
Ao respecto, o documento recalca que, ademais do aumento dos ingresos, haberá unha destacada "redución de custes" pola amortización desta praza, a diminución de gastos en cargos políticos e a mellor posición para negociar con provedores.
PERSOAL GARANTIDO E DÚAS SEDES ADMINISTRATIVAS
Outro dos aspectos destacados pola análise da institución universitaria céntrase na atención aos cidadáns a través de espazos físicos e recursos humanos.
Así, resáltase que, aínda que o consistorio situarase en Carballedo, manterase aberto edificio de Cerdedo como sede administrativa na que todos os cidadáns poderán facer as mesmas xestións e tramitacións que ata a data. Asimesmo, os servizos contarán co mesmo persoal que na actualidade, xa que manteranse todos os traballadores de ambos concellos, o cal repercutirá nunha atención máis eficiente por permitir a especialización e a creación de sinerxías que redundarán nunha mellor prestación para os veciños.
Tras insistir en que o procedemento que se está a seguir é o axeitado, o ditame apunta que convería determinar en que estado quedarán os servizos, especialmente durante o período transitorio da fusión, e cando pasarán a ter unha xestión plenamente unificada.
Neste punto, os alcaldes de Cerdedo e Cotobade, José Balseiros e Jorge Cubela, xa recalcaron en varias ocasións que todos os servizos públicos manteranse e dito acordo asinarase para contar con todas as garantías e seguridade, mentres que a fusión dos mesmos para ter un funcionamento común dependerá das circunstancias de cada caso.