Detrás da vaga de lumes rexistrada entre o 8 e o 15 de outubro de 2017,que tivo especial virulencia durante unha fin de semana, hai unha clara intencionalidade, pero non unha planificación criminal organizada. Así o constata o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, que este luns compareceu na Comisión Especial non permanente creada no Parlamento de Galicia para o estudo e análise da política forestal e os incendios.
Suances presentou no Parlamento as conclusións das dilixencias de investigación penal abertas de oficio pola Fiscalía con motivo daquela semana de elevada actividade incendiaria e nas que tivo en conta informes das autoridades policiais en materia de incendios, Garda Civil e Policía Autonómica, e tamén da Policía Nacional nos casos nos que interveu en zonas urbanas, especialmente na área de Vigo. Para a investigación tamén contou coa colaboración da Consellería de Medio Rural, que remitiu o seu correspondente informe.
O documento destaca a importancia determinante das circunstancias meteorolóxicas "excepcionais" nos 352 incendios rexistrados en tan só unha semana, que provocaron a morte de catro persoas e calcinaron algo mais de 47.000 hectáreas.
O informe apunta que se pode acreditar a altísima porcentaxe de intencionalidade dos incendios investigados, ainda que non é posible chegar a unha cifra indubitada e conforme a todos os involucrados. Nos incendios que arrasaron máis de 500 hectáreas, a súa intencionalidade é dominante en mais dun 61%. Entre eles están os sinistros nos que se produciu a perda de vidas humanas, que están a ser obxecto dunha especial e minuciosa investigación.
A porcentaxe de lumes intencionados varía en función de quen a analice. O informe da Policía Autonómica analiza 97 incendios e determina unha intencionalidade próxima ao 70%. O da Garda Civil cataloga como intencionais 280 dos 352 analizado, un 79,5%. A Consellería de Medio Rural eleva a intencionalidade ata o 87,7%.
O fiscal superior resaltou que, sexa cal for o índice manexado, "é extremadamente elevado e preocupante" e constitúe "un fenómeno inaceptable desde todos os puntos de vista, capaz de devastar, como se comprobou, o territorio da comunidade autónoma e causar graves danos na vida e os bens das persoas", así como "provocar unha comprensible alarma e inquietude social e incalculables prexuízos económicos e ambientais".
A investigación non achegou ningún factor determinante na vaga de lumes de 2017 diferente aos manexados en anos anteriores, e non se constataron novas tipoloxías, en canto aos artefactos incendiarios. De igual xeito, verificouse unha vez mais que os tres elementos que poboan o imaxinario da causa dos incendios: a madeira, o urbanismo, e a economía do lume, non foron detectados. Quedan descartados como xa destacaba o informe de 2007 e actualizacións posteriores.
O decreto da Fiscalía detense especialmente nos incendios de maior afectación, concretamente os 18 que superaron as 500 hectáreas, dos que un total de 11 foron intencionados con gran probabilidade, mentres que os 7 restantes tiveron a súa orixe na extensión ou reprodución doutros incendios. Dentro dos primeiros, o documento analiza os lumes que provocaron a perda de vidas humanas, concretamente os de Nigrán e o entorno da cidade de Vigo así como o incendio que afectou aos concellos de Melón, Carballeda de Avia e Leiro, na provincia de Ourense.
Por esta vaga de lumes foron detidas dúas persoas e investigadas tres e hai outros 31 sospeitosos suxeitos a algún tipo de investigación. O fiscal superior puntualizou que a autoría dos incendios non pode ser establecida, nunha alta porcentaxe, debido ás peculiaridades e dificultades intrínsecas deste tipo de investigacións, e salientou o arduo traballo que levan a cabo as forzas e corpos de seguridade do Estado na persecución dos incendiarios.