Un incendio forestal arrasou este venres máis de media hectárea de superficie arborada do Concello de Poio. Permanece controlado, aínda que non extinguido, dende as 15.14 horas e xerou grande expectación entre veciños e condutores.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural e do Mar, o lume comezou na parroquia de Samieira ás 13.07 horas e quedou controlado ás 15.14 horas. Durante as pouco máis de dúas horas que permaneceu sen control arrasou unha superficie aproximada de 0,59 hectareas.
Para o seu control e extinción, a Xunta mobilizou ata Samieira a dous axentes forestais, seis brigadas, catro motobombas, tres avións e dous helicópteros.
Ademais, ás 15.55 horas deuse por extinguido o lume que afectaba dende o xoves á parroquia de Anceu, en Ponte Caldelas, e obrigara activar o nivel de alerta 1 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo de Esfarrapada. A última extimación de Medio Rural cifra a superficie queimada en 12,4 hectáreas, das cales 11 son arboradas e 1,4 de monte raso. Nas labores de extinción participaron un técnico, sete axentes forestais, dez brigadas, dez motobombas, dúas pas, oito avións e dous helicópteros.