Un incendio queima arredor de 40 hectáreas do monte Xiabre

Umia
20 de agosto 2013

O lume iniciouse a media tarde do luns coa presenza de, polo menos, tres focos e os traballos de extinción prolongáronse ao longo da noite, segundo a consellería de Medio Rural. O incendio está controlado na zona de Vilagarcía-Caldas dende as 6 da mañá e en Catoira continuou activo ata o mediodía deste martes

Máis de 20 hectáreas do monte Xiabre arderon xa dende que durante a tarde deste luns se iniciara un incendio forestal. O primeiro foco rexistrábase na parroquia de Dimo en Catoira pero ao longo da tarde apareceron novos focos, o último rexistrábase entre Cea (Vilagarcía)y Saiar (Caldas), segundo informa o Diario de Arousa, situado na ladeira contraria do monte.

A consellería de Medio Rural informa de que ata a zona do incendio enviou a un técnico, tres axentes forestais, dez brigadas, cinco motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e seis avións. As patrullas de Protección Civil procedentes dos concellos de Caldas, Padrón e Vilagarcía tamén están a colaborar nos labores de extinción.

O incendio visualízase dende distintos puntos dos concellos de Vilagarcía, de Caldas e dende A Illa de Arousa. O último foco detectado do incendio encóntrase próximo a naves e vivendas, segundo informan testemuñas presenciais. Os traballos de extinción prolongáronse ao longo da noite ata que se logrou, sobre as 6 da mañá, controlalo pola zona de Vilagarcía-Caldas. Na ladeira de Catoira controlouse durante o mediodía deste martes.

Arquivado en