Un incendio, orixinado de noite, no Pontillón do Castro obriga a pechar un vial de acceso

Pontevedra
18 de setembro 2013

As lapas detectáronse pasadas as dez da noite nas proximidades da canteira situada nas cercanías do encoro. Durante a noite interviron os bombeiros, brigadas de Medio Rural ademais de axentes da Policía Local e Nacional

Igual que na noite anterior, un incendio provocaba o temor na parroquia de Marcón, esta noite do martes 17 de setembro foi longa para os veciños da parroquia de Verducido debido ao inicio dun incendio forestal pasadas as dez da noite.

As chamas orixináronse na contorna do Pontillón do Castro nas proximidades dunha cantería que se encontra na estrada cara a Barro. O avance do lume obrigou a cortar a estrada que no concello de Barro transcorre entre o Nacional 550 e o encoro. Non obstante, a pesar do vento que azoutaba a zona, as vivendas non se viron afectadas polas chamas.

Á zona desprazáronse brigadas de Medio Rural, os Bombeiros de Pontevedra e axentes dos corpos da Policía Nacional e Local.

Segundo a consellería de Medio rural o incendio iniciábase en torno ás 21:20 horas e tras a intervención de 2 axentes, 6 brigadas e 5 motobombas do servizo da consellería conseguiu extinguilo ás 03:50 horas da madrugada. Resultaron queimadas 5,5 hectáreas con especies arbóreas.

Arquivado en