A Garda Civil viuse obrigada a cortar un carril de circulación da autoestrada AP-9 en dirección de Pontevedra a Vigo ao declararse un lume forestal. O incendio mantén en risco unha vivenda no Concello de Vilaboa.
Fontes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra explicaron que este carril está cortado para permitir que os vehículos que traballan nas tarefas de extinción poidan traballar dende a vía e pola presenza de fume, pero as lapas non chegaron á propia autopista. Recoméndase precaución aos condutores.
Segundo informou Protección Civil de Vilaboa, o lume rexistrouse sobre as 12.35 horas deste venres na parroquia de Santa Cristina de Cobres. Iniciouse no lateral da autoestrada e expandiuse cara aos montes de Santa Cristina, a unha zona de difíficl acceso en Gradeira.
A consecuencia do lume forestal, unha vivenda situada nos arredores da igrexa parroquial de Santa Cristina está en risco, pois as lapas se encontran xa a poucos metros desta. Chegou a estar a uns 30 metros.
O lume estase a estender con rapidez e xa trasladou ata o lugar a numerosos medios de extinción aéreos e terrestres. Participan nos labores de extención, polo menos, tres helicópteros, dous avións, sete brigadas forestais, cinco motobombas de extinción de incendios da Xunta de Galicia, os bombeos de Moaña e Protección Civil e a Policía Local de Vilaboa.
Testemuñas presenciais do incendio indicaron que algúns deses medios aéreos foron derivados sobre as 14.00 horas a outro incendio forestal declarado en Arcade, no Concello de Soutomaior.