Un incendio calcinou na mañá deste venres unha furgoneta 'camperizada' na zona de Arén, na parroquia de Samieira, en Poio.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Poio, ocorreu sobre as 12.30 horas e, segundo as primeiras investigacións, a orixe do incendio foi unha pequena neveira que estaba no interior da furgoneta.
Ata o lugar desprazáronse a Policía Local de Poio e efectivos do Grupo de Emerxencias de Sanxenxo e, entre todos, procederon á extinción das chamas.
Máis tarde tamén se desprazaron os Bombeiros de Ribadumia e a Garda Civil, que investiga o ocorrido.
A Policía Local confirma que non houbo que lamentar danos persoais, pero si materiais. A furgoneta quedou calcinada e causáronse danos nunha vivenda próxima.
A furgoneta estaba á beira dunha casa, na que vive o seu propietario, de modo que o home sufriu danos na súa vivenda e o seu vehículo.