Un incendio calcina dous vehículos e material almacenado no garaxe anexo a unha vivenda en Noalla

Sanxenxo
29 de novembro 2022

Os feitos ocorreron no lugar de Tramalleiro, pertencente á parroquia de Santo Estevo de Noalla, sen rexistrarse danos persoais

Un incendio calcina dous vehículos e material almacenado no garaxe anexo a unha vivenda en Sanxenxo
Un incendio calcina dous vehículos e material almacenado no garaxe anexo a unha vivenda en Sanxenxo

Un incendio calcina dous vehículos e material almacenado no garaxe anexo a unha vivenda en Sanxenxo. Os feitos ocorreron no lugar de Tramalleiro, pertencente á parroquia de Santo Estevo de Noalla, sen rexistrarse danos persoais.

Segundo informa o 112 Galicia, foi un particular que se atopaba na zona quen deu aviso, minutos antes das 22:30 horas da noite, de que vía lume. Pouco despois, os propios ocupantes da vivenda anexa ao garaxe afectado, de planta única, confirmábano: había dous vehículos ardendo. Ademais, estaban ameazados varios bens materiais almacenados, entre eles unha bombona de butano que non se chegou a ver afectada.

De inmediato, os xestores do 112 solicitaron a colaboración dos Bombeiros do Salnés, do Servizo de Emerxencias-GES Sanxenxo, da Garda Civil e da Policía Local de Sanxenxo.

Foron os membros do Servizo de Emerxencias-GES os primeiros en presentarse no punto para valorar a situación. A continuación, colaborarían cos Bombeiros e o resto dos equipos desprazados no operativo para extinguir e ventilar o garaxe. A rápida actuación dos servizos de extinción evitou que as lapas se propagasen máis aló do punto no que se orixinou o lume.

Finalmente, os Bombeiros do Salnés indicaron que no incendio arderon dous vehículos, un máis afectado que o outro, así como madeira e un electrodoméstico almacenado. Pouco despois das 23:30 horas, os ocupantes da vivenda anexa puideron retornar ao seu interior.